Adxudicaranse 7 vivendas de promoción pública en alugueiro en Santiago a menores de 35 anos

Adxudicaranse 7 vivendas de promoción pública en alugueiro en Santiago a menores de 35 anos
  • As vivendas están emprazadas no barrio compostelano de Belvís, nun edificio de 70 pisos no que se están a realizar obras para a mellora da eficiencia enerxética, cun investimento de 466.000 euros
  • Tamén aprobou a entrega directa de dúas vivendas a senllas familias en risco de exclusión social

 

A Xunta adxudicará 7 vivendas de promoción pública en Santiago, segundo vén de acordar esta semana a Comisión Provincial de Vivenda. Os pisos están emprazados no barrio compostelano de Belvís, nun edificio de 70 vivendas construídas polo Goberno galego e adxudicadas na súa totalidade en réxime de alugueiro a menores de 35 anos.

O edificio no que se atopan as 7 vivendas que se van adxudicar está sendo obxecto dunha remodelación que permitirá incrementar o illamento e a eficiencia enerxética das vivendas, reducindo nun 20 por cento, polo menos, a demanda enerxética das mesmas.

Para iso estase executando unha obra consistente no reforzo do illamento do edificio polo exterior das fachadas, co sistema coñecido como “fachada Sate”, que permite incrementar de forma notable o illamento e eliminar as posibles pontes térmicas. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a investir nesta obra máis de 466.000 euros.

A renuncia dos seus anteriores adxudicatarios permite abrir esta nova quenda. A adxudicación realizarase a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda, por sorteo entre os inscritos no mesmo na data de inicio do procedemento.

Por outra parte, a Comisión aprobou a proposta de adxudicación directa de dúas vivendas de promoción pública propiedade da Xunta a senllas familias en situación de risco de exclusión social.

Fonte.- IGVS