Aprobado o Real Decreto que regula o procedemento básico para a certificación enerxética dos edificios

Aprobado o Real Decreto que regula o procedemento básico para a certificación enerxética dos edificios

O Consello de Ministros, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), aprobou o 1 de xuño Real Decreto 390/2021 que establece o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios e que tras a súa publicación no BOE entrou en vigor o 3 de xuño.

Este cambio normativo actualiza as condicións técnicas e administrativas do proceso para a certificación enerxética dos edificios e responde á adecuación da normativa española ás novas necesidades e retos adquiridos para alcanzar o obxectivo de descarbonización a 2050. Así, este Real Decreto regula a metodoloxía e definicións técnicas para o cálculo da cualificación enerxética, así como a documentación exixible para tramitar a certificación enerxética dos edificios. Ademais, fixa o contido mínimo do Certificado de Eficiencia Enerxética e as condicións para obter a etiqueta de eficiencia enerxética dos edificios.

A norma, que adapta a certificación enerxética á normativa europea mediante a transposición parcial da Directiva 2018/844, actualiza as obrigacións dos promotores e os propietarios de edificios en canto ás características técnicas que deben cumprir os inmobles en materia de certificación enerxética, tanto en relación cos proxectos de edificación como coas obras terminadas.

Fonte | Interempresas