O Consorcio Casco Vello de Vigo adxudicará por 235.000 euros as obras de rehabilitación da edificación na ribeira do Berbés 41

 O Consorcio Casco Vello de Vigo adxudicará por 235.000 euros as obras de rehabilitación da edificación na ribeira do Berbés 41

• O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, informou hoxe do inicio inmediato das obras da que foi un dos mellores exemplos de vivenda mariñeira no porto vigués 
• Tras a intervención, cun prazo estimado de 12 meses, a zona contará con dúas novas vivendas unifamiliares tipo dúplex, de dous dormitorios cada unha delas 
• O Consorcio leva adquiridas 8 edificacións na fachada marítima; Berbés 11,13 e 15 cedidos á Universidade, Berbés 5 á Axencia Galega de Turismo e Berbés 7, 29, 31 e 41 

 

Vigo, 7 de febreiro de 2019.- O presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, informou hoxe do visto e prace do comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo á adxudicación, por 235.000 euros, das obras de rehabilitación na rúa Ribeira do Berbés 41. 

Segundo dixo, arranca así a intervención inmediata da que foi no seu día un dos mellores exemplos de vivenda mariñeira no porto vigués, que tivo que ser demolida, debido ao seu mal estado de conservación, respectando a fachada tras a súa adquisición polo CCVV en setembro de 2017. 

A leira sobre a que se realizará a intervención, incluíndo o soportal cara ao Berbés, conta cunha superficie de setenta e oito metros cadrados. Tras a actuación, cun prazo estimado de execución de 12 meses, a zona contará con dúas novas vivendas unifamiliares tipo dúplex, de dous dormitorios cada unha delas, e acceso independente. 

A reforma, que segundo apuntou o presidente do CCVV responde á demanda de vivendas de maior superficie no casco histórico, farase seguindo os parámetros da ficha individual do PEPRI, polo que se conservarán os elementos protexidos que lle dan a identidade á vivenda. Os materiais utilizados son respectuosos coa contorna e axústanse aos permitidos pola normativa. 

Recuperación da fachada marítima 
Desde a súa creación, o Consorcio Casco Vello de Vigo leva adquiridos 8 inmobles na fachada marítima do barrio histórico vigués, centrando nela os maiores esforzos do ente rehabilitador nos últimos tempos, tal e como recordou López-Chaves. 

Nesta liña, o presidente do CCVV lembrou que o pasado mes de novembro o comité executivo deu luz verde a maior operación de compra do 2018 coa adquisición por un importe de 445.000 euros de Ribeira do Berbés 29. Segundo dixo, grazas a esta compra poderán construírse sete novas vivendas e dous locais comerciais. 
Asemade, citou os números 11,13 e 15, cedidos á Universidade de Vigo para a construción da súa sede; o número 5, en réxime de cesión á Axencia Galega de Turismo para a súa conversión en albergue de peregrinos, e Berbés 7, 31 e 41. 

López-Chaves, quen exemplificou no traballo do Consorcio Casco Vello de Vigo, participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 polo Concello, a política de rehabilitación que promove o Goberno galego nos cascos históricos das vilas e cidades, cifrou en máis de 40 millóns de euros o investimento na rehabilitación do barrio histórico vigués. Con eles, o ente xa adquiriu preto de 80 inmobles -dos 232 catalogados en estado deficiente- e máis de 60 xa se rehabilitaron ou estase a traballar neles. 

En resumo, obtivéronse 32 locais comerciais, cos que se pretende dinamizar a vida económica desta zona de Vigo, e 105 vivendas protexidas.

Fonte.- IGVS