A Xunta construirá 500 novas vivendas públicas enerxeticamente eficientes grazas a un investimento de máis de 69 M€

A Xunta construirá 500 novas vivendas públicas enerxeticamente eficientes grazas a un investimento de máis de 69 M€

Ángeles Vázquez explica que se emprazarán en Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo e destinaranse ao aluguer de familias con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM

 A Xunta de Galicia construirá 500 novas vivendas públicas enerxeticamente eficientes grazas a un investimento de máis de 69 millóns de euros ao abeiro de dous convenios de colaboración asinados entre o Goberno galego e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para o traspaso de parte dos fondos que lle corresponden á Comunidade no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea.

Deste xeito, o Goberno galego, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) aportará o 65% do investimento total estimado -44,62 M€- mentres que o 35% restante financiarase con cargo aos fondos europeos -24,54M€-.

Logo da salientar que se trata dun “programa ambicioso”, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que estas vivendas se destinarán ao alugueiro para familias con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM  -20.265 euros anuais aproximadamente- e localizaranse en Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Lugo.

No que atinxe aos requisitos de eficiencia enerxética das vivendas que se constrúan, o consumo de enerxía primaria non renovable debe supor unha redución do 20% respecto dos límites establecidos no Documento Básico que dispón as directrices para o aforro enerxético en edificios de uso residencial e, ademais, as instalacións térmicas non poderán utilizar enerxías fósiles para calefacción, refrixeración nin auga quente sanitaria.

Por outra banda, os proxectos deberán incluír un estudo de xestión de residuos de construción e demolición que terán en conta que un mínimo do 70% dos refugallos xerados prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación.

A maiores, a conselleira puxo en valor que a Comunidade xa ten comprometido o 90% dos fondos que lle corresponden e lembrou que o obxectivo do Goberno galego é “a promoción antes de acabar a lexislatura de 1.200 vivendas, das que 1.000 serán novas e 200 rehabilitadas”.

Fonte.- Xunta