A Xunta financiará con case 100.000 euros a adquisición por parte do Concello de Val do Dubra de dous inmobles para rehabilitar

A Xunta financiará con case 100.000 euros a adquisición por parte do Concello de Val do Dubra de dous inmobles para rehabilitar

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achegará a través de préstamos sen xuros un total de 94.664,05 euros ao Concello de Val do Dubra (A Coruña) co obxecto de axudarlle a financiar a adquisición de dous inmobles no núcleo de Bembibre para a súa posterior rehabilitación.

Con este fin, asináronse telematicamente dous convenios de colaboración (un por cada unha das actuacións) que lle darán acceso ao municipio ao Fondo de Cooperación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento de apoio aos concellos de menos de 50.000 habitantes para o financiamento de obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

En concreto, o Concello de Val do Dubra poderá dispoñer de 60.000 euros para a adquisición da coñecida como Fábrica da Telleira para a súa posterior rehabilitación, unha contía que poderá devolver ao IGVS en oito anualidades, de forma cómoda e sen xuros.

En canto á segunda actuación que se financiará en Val do Dubra con cargo ao Fondo de Cooperación, trátase da adquisición do inmoble da antiga cámara agraria tamén para a súa posterior rehabilitación. O IGVS porá a disposición do Concello 34.664,05 euros para que poida acometer a reforma do inmoble.

Fonte | IGVS