Axudas para o programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Xunta de Galicia.

Axudas para o programa de axuda ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. Xunta de Galicia.

 

Prazo de presentación: ABERTO 17/05/2022 - 30/11/2022

 

Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar o Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación a nivel de edificio, previsto no Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (Boletín Oficial del Estado núm. 239, do 6 de outubro de 2021) coa finalidade de financiar obras ou actuacións en que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, con especial atención á envolvente edificatoria nos edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas, e nas vivendas unifamiliares, para a anualidade 2022, con carácter plurianual (código de procedemento VI406F).

 

Actuacións Subvencionables

1. De conformidade co establecido no artigo 33 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro, son actuacións subvencionables as de mellora ou rehabilitación que se realicen en vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, incluíndo as súas vivendas. Neste último caso exixirase que, polo menos, o 50 % da súa superficie construída sobre rasante, excluída a planta baixa ou plantas inferiores se ten ou teñen outros usos compatibles, teña uso residencial de vivenda.

2. As ditas actuacións deben cumprir os seguintes requisitos:

a) Conseguir unha redución de, polo menos, un 30 % no indicador de consumo de enerxía primaria non renovable, referida á certificación enerxética, e, ademais, unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración da vivenda unifamiliar ou do edificio de, polo menos, un 35 % se están situados en zonas climáticas D e E ou dun 25 % se están situados en zona climática C.

b) Cumprir coa normativa vixente que lles sexa de aplicación, así como contar coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas no caso de que estas as requiran.

3. No caso de edificios suxeitos a algún nivel de protección por formar parte dun contorno declarado ou por razón do seu particular valor arquitectónico ou histórico en que estean limitadas as actuacións sobre os elementos que compoñen a envolvente térmica, non será necesario o cumprimento do requisito de redución de demanda. Non obstante, aqueles elementos da envolvente sobre os que se poida intervir deben cumprir cos valores límite de transmitancia térmica e de permeabilidade ao aire, cando proceda, establecidos na táboa 3.1.1.a–HE1 e 3.1.3.a–HE1, do documento básico DB HE de Aforro de enerxía do Código técnico da edificación.

4. Así mesmo, nos edificios en que se realizaron nos últimos catro anos intervencións de mellora da eficiencia enerxética en que poida acreditarse que se reduciu a demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración nunha porcentaxe igual ou superior á establecida no punto 1 quedan eximidos do cumprimento do requisito de redución de demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración. Cando nas ditas intervencións non se alcance unha redución igual ou superior á porcentaxe establecida, poderá considerarse satisfeito o requisito se coa consideración conxunta das actuacións realizadas nas citadas intervencións e as que se realicen na actuación obxecto da solicitude se alcanza a correspondente porcentaxe de redución de demanda establecida, o que deberá acreditarse mediante a correspondente certificación de eficiencia enerxética.

 

Requisitos

a) Dispoñer de proxecto das actuacións que se van realizar. Para o caso de que as actuacións non exixan proxecto, será necesario xustificar nunha memoria subscrita por técnico/a competente a adecuación da actuación ao Código técnico da edificación e demais normativa de aplicación. En ambos os casos, deberá incluírse o libro do edificio existente para a rehabilitación ou, na súa falta, un estudo sobre o potencial de mellora do edificio en relación cos requisitos básicos definidos na Lei da ordenación da edificación e un Plan de actuacións no que se identifique a actuación proposta.

O proxecto incluirá un estudo de xestión de residuos de construción e demolición que se desenvolverá posteriormente no correspondente plan de xestión de residuos de construción e demolición, consonte o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición, onde se cumprirán as seguintes condicións:

1º. Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados no sitio de construción prepararase para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2º. Os operadores deberán limitar a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as melloras técnicas dispoñibles e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición. Así mesmo, establecerase que a demolición se leve a cabo preferiblemente de forma selectiva e a clasificación realizarase de forma preferente no lugar de xeración dos residuos.

b) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade e, en particular, demostrarán, con referencia á ISO 20887 ou outras normas para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como están deseñados para ser máis eficientes no uso de recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e reciclaxe.

c) Retirar do edificio ou ámbito de actuación aqueles produtos de construción que conteñan amianto. A retirada deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, por unha empresa legalmente autorizada. A xestión dos residuos orixinados no proceso deberá realizarse conforme o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición.

6. Non serán subvencionables as actuacións de investimento en xeradores térmicos que utilicen combustible de orixe fósil.

7. As actuacións non poderán estar iniciadas antes do 1 de febreiro de 2020, nin estar finalizadas no momento da presentación da solicitude.

8. O prazo para executar as obras para a mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade nos edificios que se acollan ás axudas deste programa non poderá exceder os vinte e seis meses, contados desde a data de concesión da axuda. O dito prazo poderase ampliar, excepcionalmente, ata vinte e oito meses cando se trate de edificios ou actuacións que afecten 40 ou máis vivendas.

Só poderá autorizarse unha ampliación dos ditos prazos para a execución das actuacións de conformidade co establecido no artigo 35.6 do Real decreto 853/2021, do 5 de outubro.

 

Fonte.- Xunta de Galicia