Rueda avanza que a Xunta convocará en xaneiro unha nova orde de axudas ao alugueiro para cubrir a metade da renda mensual de familias con baixos ingresos

Rueda avanza que a Xunta convocará en xaneiro unha nova orde de axudas ao alugueiro para cubrir a metade da renda mensual de familias con baixos ingresos

Resalta que a previsión é conceder un mínimo de 4.000 axudas no marco da convocatoria á que a Xunta vai destinar 13,7 millóns de euros

Destaca como principais novidades que se “amplía de 3 a 5 anos” o período durante o cal se poderán percibir estas subvencións, incluídas as prórrogas, e que “se incrementa nun 50 % a súa contía máxima”, que con carácter xeral chegará ata os 300 €

Nas sete cidades o importe do arrendamento non poderá superar os 600 € ao mes, nas vilas de tamaño medio e concellos periurbanos o límite quedará fixado en 500 € e no resto de municipios o contrato será de, como moito, 400 € mensuais

O prezo do alugueiro poderá aumentar nun 20 % no caso de familias numerosas ou unidades de convivencia en que algún membro necesite unha vivenda adaptada

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe que o Goberno galego convocará a comezos de xaneiro, por un importe total de 13,75 millóns de euros, unha nova orde de axudas ao alugueiro destinada a persoas e familias con baixos ingresos. “Redobramos o noso compromiso para seguir apoiando ás familias que máis o necesitan no pago do alugueiro”, indicou.

Rueda resaltou que, con esta nova liña de axudas, o obxectivo é conceder un mínimo de 4.000 axudas a familias con rendas baixas coas que a Xunta vai financiar o 50% da renda mensual que figure no seu contrato de arrendamento durante un mínimo dun ano, con posibilidade de prorrogarse outros catro.

O Consello autorizou hoxe a resolución pola que se fixan as bases reguladoras e os requisitos que terán que cumprir as persoas interesadas nestas subvencións, que se enmarcan no pacto social pola vivenda.

Entre as principais novidades do novo programa de axudas, Rueda subliñou a duración máxima da concesión, que “pasará de tres a cinco anos”, e o incremento “nun 50% da contía máxima das achegas” xa que a partir de agora, e con carácter xeral, poderá ser de ata 300 euros ao mes, é dicir, un 50 % máis que as axudas anteriores, limitadas a, como máximo, 200 euros. O presidente da Xunta incidiu nas novas dunha convocatoria que “sube a contía máxima das axudas” e que tamén “incrementa a duración”.

Neste sentido, cómpre precisar que o importe das axudas non será o mesmo en todos os casos. Os beneficiarios terán dereito a unha subvención equivalente ao 50 % da renda mensual que figure nos seus contratos sempre que esta non supere as contías máximas establecidas na convocatoria en función da área xeográfica en que se localice a vivenda.

Así, no caso das sete cidades—A Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo— o importe do arrendamento non poderá superar os 600 euros ao mes; nas vilas, concellos de tamaño medio e periurbanos o límite quedará fixado en 500 euros; e no resto de municipios, a renda mensual de alugueiro será de, como moito, 400 euros.

En calquera caso, todas estas contías —tanto o importe da renda de alugueiro como a propia axuda da Xunta— poderán incrementarse nun 20 % en determinados supostos co fin de adaptarse ás características especiais e ás necesidades específicas dos inquilinos, como no caso de que estes formen parte dunha familia numerosa ou dunha unidade de convivencia en que algún dos seus membros necesite unha vivenda adaptada.

Á hora de calcular o importe das axudas excluíranse os posibles gastos de comunidade e outros pagos en concepto de anexos, como poden ser garaxes ou rochos. Ademais, a contía concedida inicialmente non poderá ser incrementada, aínda que a renda do alugueiro aumente ao longo da duración do contrato.

Os beneficiarios deberán ser titulares do contrato de arrendamento, acreditar que se trata da súa vivenda habitual e permanente e xustificar mensualmente o pago. En canto aos requisitos económicos, as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia terán que ser iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (24.318,84 euros) e tampouco poderán estar por debaixo de 0,5 veces o IPREM (4.053,14 euros). Así mesmo, no caso de familias numerosas, vítimas de terrorismo ou núcleos en que haxa algunha persoa con discapacidade estes límites poderanse incrementar ata 5 veces o IPREM.

Tras recibir esta mañá a aprobación do Consello, as axudas ao alugueiro poderán solicitarse entre o 2 de xaneiro e o 5 de maio de 2023 ou ata esgotar o crédito dispoñible.

Outros programas de apoio ao alugueiro

Esta nova convocatoria do programa de axudas ao alugueiro enmárcase nas políticas que impulsa o Goberno galego desde hai anos para facilitar o mantemento do seu fogar a colectivos vulnerables ou con poucos recursos económicos, como é o caso dos menores de 36 anos, unha das franxas de idade con máis dificultades para emanciparse.

En concreto, este ano convocouse por primeira vez o Bono alugueiro mocidade, unha axuda de 250 euros ao mes para apoiar aos menores de 36 anos no pago da súa residencia habitual e da que xa hai máis de 1.500 beneficiarios despois de que Galicia fose unha das comunidades máis áxiles en convocar estas axudas, o pasado 30 de xuño.

Na mesma liña, o Instituto Galego da Vivenda e Solo convocou este verán o Bono de alugueiro social, unha prestación dirixida a facilitar o pago da vivenda habitual a determinados colectivos desfavorecidos a través dunha axuda equivalente ao 100 % da renda de alugueiro e coa que a Xunta apoia nestes momentos a preto de 900 familias vulnerables.

Fonte.- Xunta