A Xunta comeza a notificar aos propietarios de terreos en San Paio de Navia que acepta a permuta de solo por edificación

A Xunta comeza a notificar aos propietarios de terreos en San Paio de Navia que acepta a permuta de solo por edificación
  • O IGVS adquirirá máis de 42.000 metros cadrados de solo por esta vía, polo que xa dispón de case 180.000 metros cadrados, é dicir, o 68% do ámbito da ampliación
     

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, comezará a remitir aos interesados esta mesma semana as resolucións de aceptación da permuta de solo por edificabilidade para a ampliación de San Paio de Navia, no Concello de Vigo.

Estas notificacións prodúcense ao abeiro do concurso público convocado no ano 2018 e en virtude do cal os propietarios de terreos no ámbito da ampliación de San Paio de Navia entréganlle ao IGVS solo sen urbanizar e a cambio, reciben como pago dereitos de edificabilidade, unha vez urbanizada a zona por parte da Xunta de Galicia.

Nuns casos eses dereitos materializaranse en parcelas individuais destinadas á construción de vivendas unifamiliares e noutros, en parcelas destinadas a vivenda colectiva; pero todas elas serán vivendas protexidas.

A permuta de solo por edificabilidade permitiralle ao IGVS adquirir 42.408,70 metros cadrados na ampliación de San Paio de Navia, de tal maneira que a Xunta disporá xa –entre o solo adquirido na primeira fase e a compra realizada en 2016- de preto de 180.000 metros cadrados, é dicir, o 68% dos 265.000 metros totais que abrangue o ámbito da ampliación, unha superficie que permitirá construír case 1.600 vivendas protexidas.

O solo restante será adquirido a través de expropiación, estando en trámites a contratación da redacción do proxecto de expropiación, que será executado unha vez o Concello de Vigo aprobe definitivamente a modificación do plan parcial desta zona. Nestes momentos, cómpre lembrar que tamén se atopa en trámites a contratación da redacción do proxecto de urbanización.

 

Fonte .- IGVS