A Xunta terá en marcha este verán as obras para construír ou rehabilitar preto de 400 novas vivendas de promoción pública

A Xunta terá en marcha este verán as obras para construír ou rehabilitar preto de 400 novas vivendas de promoción pública

O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego terá en marcha este verán as obras para a construción ou a rehabilitación de preto de 400 novas vivendas de promoción pública (VPP), concretamente 395, nas que prevé investir máis de 45 millóns de euros.

Deste xeito, Rueda puxo en valor que todas estas vivendas estarán en execución dentro dos prazos “comprometidos” para os primeiros meses desta nova Lexislatura e co obxectivo, segundo remarcou, “de rematala cun parque público en Galicia de 8.000 vivendas”, sumando as promovidas directamente pola Xunta e as que se fagan a través de cooperativas coa colaboracion público-privada.

O mandatario galego en funcións precisou que estas vivendas se localizarán nos concellos de Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol, Ourense, Mondoñedo e Viveiro, en liña co compromiso do Goberno galego de prestar unha atención especial ás necesidades residenciais das grandes cidades, tendo en conta que son estes municipios os que concentran entre o 75 e o 80 % dos inscritos no Rexistro de demandantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Ademais, salientou o “dato importante” de que as taxas urbanísticas que vai abonar a Xunta aos concellos onde se van localizar estas 400 VPP suporán ao redor de 2,7 millóns de euros, “o que traducido a número de vivienda permitiría a construción de 20 vivendas máis”.

Rueda explicou que o Consello foi informado hoxe da previsión de inicio destas actuacións, que se enmarcan na Estratexia para a promoción de vivenda pública e o impulso da vivenda protexida aprobada o ano pasado polo Executivo galego co obxectivo de reforzar o actual parque público residencial ata acadar as 5.600 vivendas en 2026 a través, entre outras medidas, do impulso de obras de nova construción ou da rehabilitación de inmobles xa existentes tanto por parte da Xunta como dos concellos.

Tal e como debullou o presidente da Xunta en funcións, as primeiras obras teñen o seu comezo previsto para principios do mes de maio. En concreto, trátanse dos traballos para rematar un bloque de 24 VPP no barrio compostelán do Castiñeiriño e do inicio da construción doutro de 40 VPP en Xuxán, na cidade da Coruña, que se sumará neste último caso ao edificio tamén de 40 vivendas de promoción pública rematado o ano pasado e no que xa están vivindo en réxime de alugueiro outras tantas familias.

Rueda avanzou que durante as primeiras semanas de xuño está previsto o inicio de 74 vivendas de promoción pública de nova construción en Valdecorvos, en Pontevedra, e no caso da capital galega tamén se impulsarán as obras de dous bloques no barrio de Lamas de Abade, integrados por 12 e 24 VPP, respectivamente.

En canto á planificación no caso da cidade de Vigo, a construción de 201 vivendas públicas na primeira fase da ampliación en San Paio de Navia recibirá un pulo definitivo este verán. Así, as previsións do IGVS son que entre a primeira quincena de xuño e a primeira de xullo se poidan iniciar os traballos construtivos de 5 das 6 promocións proxectadas no polígono 1, que albergarán un total de 163 vivendas.

En canto ao último bloque previsto neste barrio vigués, un edificio de 38 VPP, o inicio está programado para comezos do mes de setembro tendo en conta que, neste caso, o IGVS terá que licitar por segunda vez o contrato das obras para adaptar o orzamento inicial ás últimas subas de prezos experimentadas no sector da construción.

A maiores, Rueda apuntou que a Xunta tamén está a traballar na licitación de varias actuacións que teñen como fin empezar a rehabilitar o vindeiro mes de xuño unha decena de inmobles —3 en Ourense, 3 en Mondoñedo, 2 en Ferrol e 2 en Viveiro— adquiridos polo IGVS nos últimos anos no marco do programa Rexurbe para obter VPP destinadas a alugueiro social.

Ademais, cómpre lembrar que xa se está traballando nestes momentos en dous dos primeiros edificios que se compraron en Ferrol Vello, concretamente, en Carme Curuxeiras 22-24 e 8, e nos que se prevé conseguir 5 vivendas de promoción pública para alugalas a prezos accesibles entre a veciñanza ferrolá.

A previsión é que grazas ás actuacións do Rexurbe que xa se están acometendo e ás que se iniciarán nos vindeiros meses, este verán estean en marcha as obras que permitirán obter un total de 20 novas VPP nos concellos de Ferrol, Ourense, Mondoñedo e Viveiro.

Todas estas promocións do IGVS están pendentes da concesión da licenza municipal por parte do concello correspondente, salvo no caso das 24 VPP do Castiñeiriño, que xa a ten concedida. Así mesmo, en San Paio de Navia as licenzas de obra dependen tamén de que se finalice antes a reparcelación dos terreos que albergarán as futuras vivendas, un trámite que o Concello de Vigo prevé ter listo a finais de maio.

Neste sentido, cómpre reiterar unha vez máis a importancia de que as administracións locais colaboren neste tipo de actuacións, axilizando o máximo posible a resolución daqueles trámites ou permisos que dependen dos seus departamentos urbanísticos e que resultan imprescindibles para que o IGVS poida iniciar e executar os seus proxectos construtivos para o impulso da vivenda pública.

Fonte.- Xunta de Galicia