A Xunta facilitará a rehabilitación de edificacións históricas nos concellos de Boiro e O Barco de Valdeorras

A Xunta facilitará a rehabilitación de edificacións históricas nos concellos de Boiro e O Barco de Valdeorras

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, asinou dous convenios de colaboración entre a Xunta e os concellos do Barco de Valdeorras e Boiro para facilitar a rehabilitación de edificacións históricas nestes dous municipios por importe de máis de 1 millón de euros.

A través dos acordos asinados hoxe, estes municipios terán acceso ao Fondo de cooperación en materia de rehabilitación, un mecanismo dotado con 10 millóns de euros co que a Administración autonómica concede préstamos sen xuros aos municipios de menos de 50.000 habitantes para destinar a esta finalidade.

O convenio asinado entre a conselleira de Infraestruturas e o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, supera o millón de euros e a súa finalidade é facilitar a rehabilitación do Pazo de Goiáns, que o Concello quere destinar a centro cultural e museo, un espazo no que se poderán realizar diferentes tipos de actividade, como conferencias, exposicións, seminarios, etc.

No caso do acordo asinado co alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, o importe é de 133.000 euros e a súa finalidade é a rehabilitación do contorno do Ben de Interese Cultural da Torre do Castro.

Fonte.- Xunta de Galicia