O espazo da vivenda galega
Un lugar de encontro e participación do sector

Saúdo da Conselleira

O Observatorio da Vivenda de Galicia é un espazo de intercambio de información, propostas e comunicación no que participan representantes de todos os colectivos relacionados co mundo da vivenda, dende promotores, cooperativas e construtores ata consumidores e usuarios, ademais de arquitectos, aparelladores, administradores de fincas e xestores inmobiliarios ata as administracións local e autonómica.
 
Trátase dunha ferramenta que permite coñecer mellor as necesidades do sector e adaptar as políticas públicas para dar a mellor e máis eficaz resposta ás demandas dos cidadáns. E tamén permite ás empresas e profesionais do sector coñecer mellor as necesidades da sociedade e planificar os seus investimentos e actuacións.
 
Froito do traballo do Observatorio da Vivenda de Galicia é o Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025, no que se plasma o deseño das políticas a desenvolver pola Xunta de Galicia no período indicado, tratándose do primeiro plan en materia de vivenda respaldado unanimemente polos representantes de todos os colectivos do sector integrados no Observatorio.
 
Anos despois da súa creación, o Observatorio da Vivenda de Galicia continúa a ser unha eficaz ferramenta para todos os que forman parte del, e pretendemos que así continúe durante moitos anos, analizando os problemas que se presentan cada día e propoñendo solucións que faciliten o acceso á vivenda aos cidadáns nas mellores condicións posibles.
 
A través desta páxina web, o Observatorio fai públicos os seus estudos e documentos, compartindo con toda a sociedade o traballo conxunto dos seus membros.
 
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

 

Unha web para consultar, coñecer e participar

A web do Observatorio da Vivenda de Galicia é un espazo de referencia para acceder a información, estatísticas, estudos, normativa, novas e recursos de interese sobre a vivenda en Galicia.

O portal facilita a consulta dos principais contidos xerados polo Observatorio e reúne información útil para a cidadanía, as administracións públicas, as empresas, os profesionais e o conxunto de axentes vinculados ao sector.

O seu obxectivo é contribuír a un mellor coñecemento da realidade da vivenda en Galicia e apoiar unha toma de decisións máis informada, transparente e orientada ás necesidades actuais do sector.

Consulte máis en detalle a Composición do Observatorio no documento: Composición do Observatorio da Vivenda de Galicia

 

Pode contactar co Observatorio da Vivenda de Galicia mediante

  Teléfono: 981 54 19 18

  Correo electrónico: observatoriodavivenda@xunta.gal

  Web: www.observatoriodavivenda.gal

   Formulario de suxestións: Formulario

  EnderezoÁrea Central, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña

Ligazón.- Máis información de contacto no IGVS