Rueda anuncia que a Xunta avanza na construción de vivenda de promoción pública nos concellos de Vigo e Coruña | Observatorio de Vivenda

Rueda anuncia que a Xunta avanza na construción de vivenda de promoción pública nos concellos de Vigo e Coruña

Rueda anuncia que a Xunta avanza na construción de vivenda de promoción pública nos concellos de Vigo e Coruña

Segundo trasladou o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, o  Consello da Xunta acordou hoxe a contratación tanto da redacción de proxectos e dirección de obras para a nova construción de 43 vivendas de promoción pública en Navia, Vigo, como das obras de 14 vivendas, tamén de promoción pública, no barrio coruñés de Xuxán.

Así, para o presidente da Xunta, os progresos na construción de “57 novas vivendas de promoción pública en Vigo e na Coruña” implican un avance máis “no proceso para cumprir ese obxectivo de duplicar nesta lexislatura o número do parque de vivendas con algún tipo de réxime de promoción pública”.

Neste sentido, Rueda anunciou que as 43 vivendas en San Paio de Navia suporán “completar ao 100%” as 359 vivendas públicas planificadas para o polígono 1 de San Paio de Navia. No caso do barrio coruñés de Xuxán, “o obxectivo é chegar a 1500 vivendas protexidas” e “estamos falando co concello da Coruña para dispoñer de máis chan para poder seguir construíndo vivendas protexidas”.

Con estes anuncios, o Goberno galego continúa traballando no cumprimento do seu compromiso da mellora da situación do mercado da vivenda, e na Estratexia de vivenda pública e protexida que prevé, nesta lexislatura, duplicar o parque público ata chegar ás 8.000 vivendas e desenvolver solo para 20.000 vivendas protexidas e 5.000 vivendas libres.

A licitación autorizada hoxe, por un importe de 354.671 euros, ten por obxectivo a adxudicación dos servizos de redacción de proxecto básico e de execución e dirección de obra para a construción de 43 vivendas, garaxes, rochos e locais comerciais na parcela M-IVA-16 do polígono 1 de San Paio de Navia.

A parcela ten unha superficie de 1.407 m2 e está a ser urbanizada pola Xunta de Galicia.

Cómpre lembrar que neste polígono 1 de San Paio están a desenvolverse as obras de urbanización e, co obxectivo de que estas vivendas poidan ser unha realidade o antes posible, desenvolveranse de forma paralela aos traballos construtivos dos edificios residenciais.

Ademais das 359 vivendas de promoción pública prevista neste ámbito, o parque residencial da cidade de Vigo reforzarase coa habilitación neste mesmo polígono de solo para a construción de 374 vivendas protexidas de promoción privada.

Ademais, a Xunta ten neste momento en fase de contratación as obras de urbanización do polígono 2 por un investimento de preto de 16,4M€, para acometer o acondicionamento desta zona, fases A e B de San Paio de Navia, que permitirá a construción dun total de 719 vivendas protexidas.

Unha vez autorizada hoxe polo Executivo autonómico a licitación deste contrato, a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitarao nas vindeiras semanas.

O Consello da Xunta deulle hoxe luz verde á contratación das obras para dotar o barrio coruñés de Xuxán de 14 novas vivendas de promoción pública (VPP), que suporán un investimento de 3,1 millóns de euros.

Con esta nova contratación, o número de VPP executadas ou en execución neste barrio da Coruña acadan as 144, das cales 40 xa foron entregadas aos adxudicatarios.

A nova promoción pública localizase na parcela Z-06 de Xuxán, onde se construirá un edificio de nova planta para destinalo a 14 vivendas, de 2 dormitorios, cunha superficie útil de entre 65,83 m2 e 79,52 m2. Ademais, disporá de 22 prazas de aparcadoiro e 14 rochos.

O edificio consta dunha planta de soto, planta baixa e dúas plantas altas. O acceso ao portal realízase desde a rúa Milagros Rey Home.

En canto á organización do inmoble, na planta baixa atópase o portal onde se sitúa o núcleo de ascensor e escaleiras, que comunican entre si as distintas plantas, así como os cuartos de contadores das instalacións de electricidade e fontanaría. O resto de planta baixa ocúpano 4 vivendas. No exterior atópase un espazo aberto pavimentado.

Nas dúas plantas altas atópanse as 10 vivendas restantes.

Na planta soto organízase o garaxe comunitario, coas 22 prazas de aparcadoiro, os cuartos de instalacións e os 14 rochos. O acceso ao soto realízase desde a mesma rúa que o portal.

En planta de cuberta sitúanse un cuarto de instalacións, así como unha zona transitable para mantemento e conservación desta.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé licitar as obras nas vindeiras semanas. O obxectivo é comezar os traballos este ano, para telas rematadas en 2026.

O Executivo autonómico continúa a traballar para pór á disposición dos coruñeses neste barrio máis de 1.500 vivendas protexidas, sumando as executadas pola Xunta e as construídas por promotores e cooperativas sobre solo adxudicado polo Goberno galego.

Fonte.- Xunta de Galicia