A Xunta e o Concello de Lugo asinan o convenio urbanístico para a recuperación do Pazo de Dona Urraca e a mellora da ordenación da entorna, dándolle o pulo definitivo á rehabilitación da Tinería | Observatorio de Vivenda

A Xunta e o Concello de Lugo asinan o convenio urbanístico para a recuperación do Pazo de Dona Urraca e a mellora da ordenación da entorna, dándolle o pulo definitivo á rehabilitación da Tinería

A Xunta e o Concello de Lugo asinan o convenio urbanístico para a recuperación do Pazo de Dona Urraca e a mellora da ordenación da entorna, dándolle o pulo definitivo á rehabilitación da Tinería

A Xunta e o Concello de Lugo veñen de asinar o convenio urbanístico para a recuperación e posta en valor do Pazo de Dona Urraca e mellora da ordenación deste ámbito, para darlle o pulo definitivo á rehabilitación da Tinería.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou hoxe deste acordo co que, “damos un paso mais para continuar co noso propósito de restaurar a beleza deste barrio histórico”.

Así, tal e como explicou a conselleira, a Xunta convocará a finais deste ano un concurso de ideas para a redacción do plan especial e a redacción dos proxectos de rehabilitación, obra nova e edificación. Incluiranse,  a UI8, o Pazo de Dona Urraca, e as casas colindantes.

O Concello, pola súa banda, e tal e como consta no convenio asinado coa Xunta, ten que expropiar as edificacións e parcelas que se inclúen no plan especial que non son de titularidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

María M. Allegue indicou así que, unha vez a Xunta teña a dispoñibilidade de todos os terreos, cos proxectos xa redactados, licitarase a execución das obras.

A conselleira puxo en valor como a  Xunta segue a investir en Lugo, e nos máis de 26M€ que a administración autonómica leva invertidos na Tinería o que permitiu rehabilitar 40 edificios, que albergan 96 vivendas e mais dunha vintena de locais.

María M. Allegue deu conta hoxe da sinatura deste convenio co Concello, coincidindo coa entrega das chaves de dúas vivendas para alugueiro social na cidade, que tal e como destacou “simboliza o compromiso da Xunta co acceso, para todas as familias, a unha  vivenda digna”.

Actualmente, na cidade de Lugo, a Xunta dispón de 364 vivendas, adxudicadas en réxime de alugueiro, o que significa, en palabras da conselleira “364 familias que acceden a súa nova casa”.

A conselleira destacou que a Xunta seguirá construíndo  novos fogares, tanto en Garabolos como tamén noutras parcelas,  unha vez o Concello ceda o solo.

Concretou que en Garabolos se construirán 146 vivendas en dúas parcelas: 76 vivenda na parcela C1, cun Investimento previsto de 11M€, e 70 na parcela B3: 70 vivendas, cun investimento previsto de 10M€. En ambos os dous casos xa está adxudicada a redacción do proxecto e a dirección de obras.

María M. Allegue avanzou, ademais, máis obra en Garabolos, e tamén en outras zonas da cidade de Lugo, en parcelas que cederá o Concello e cuxa proposta se está a estudar.

Tamén lembrou que a Xunta está traballando coa Estratexia de solo residencial de Galicia, e na que, segundo dixo, están pendentes do estudo de viabilidade de varios ámbitos.

Fonte .- Xunta de Galicia