A Xunta concede unha axuda de case 1,5 M€ para a construción en Santiago de 37 vivendas protexidas destinadas ao alugueiro | Observatorio de Vivenda

A Xunta concede unha axuda de case 1,5 M€ para a construción en Santiago de 37 vivendas protexidas destinadas ao alugueiro

A Xunta concede unha axuda de case 1,5 M€ para a construción en Santiago de 37 vivendas protexidas destinadas ao alugueiro

A Xunta concede unha axuda de 1.465.570€ a unha promotora galega para a construción en Santiago de Compostela de 37 vivendas protexidas destinadas ao alugueiro.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, visitou hoxe a parcela na que se van acometer estas vivendas, localizada na contorna da Avenida Romero Donallo.

O proxecto, cun orzamento total de 7,4M€, dos que case 1,5M€ se corresponden coa axuda outorgada pola Xunta, prevé a construción destas vivendas de protección autonómica, organizadas en dous portais.

Allegue subliñou que este proxecto permitirá dotar esta área de novos fogares funcionais, de calidade e coas características necesarias para acadar unha óptima eficiencia enerxética.

Remarcou que esta intervención é froito da colaboración público- privada, pois a Xunta lanzou este ano unha convocatoria destas axudas para incentivar aos promotores e cooperativas a construír inmobles para alugueiro accesible, cunha partida global de 14,7M€.

Destacou que a Xunta é consciente das dificultades que están a ter os cidadáns no acceso á vivenda, especialmente nas cidades. Neste sentido, puxo en valor o traballo que está a facer o Goberno galego en distintas direccións, tanto na construción de vivenda pública como no desenvolvemento de solo residencial.

Respecto ao desenvolvemento de Solo residencial, avanzou que a Xunta licitará mañá a redacción de proxecto dos Proxectos de Interese Autonómico (PIAS) e tamén para expropiacións e parcelamento.

Apuntou que en Santiago o ámbito elixido é Mallou, con 35 hectáreas e a previsión de 3.460 vivendas, das que arredor de 2.800 serán protexidas.

En relación á execución de vivenda pública, recordou o obxectivo da Xunta para esta lexislatura, que é duplicar o parque ata as 8.000. Na actualidade, xa están en marcha máis de 1.600 vivendas de promoción pública, en distintas fases de tramitación e execución.

Concretou que en Santiago están en execución 3 grupos de vivendas, 24 no Castiñeiriño e dous edificios (24+12) en Lamas de Abade.

Todos estes avances son posibles grazas a unha aposta sen precedentes pola vivenda, que se amosa no Orzamentos da Xunta para 2025, cun presuposto histórico de 240M€ destinados ás políticas de vivenda e urbanismo, dos que a metade son para construción de nova vivenda pública e adquisición de solo residencial.

Fonte.- Xunta de Galicia