A Xunta entrega dúas novas vivendas rehabilitadas en Betanzos ao abeiro do programa Rexurbe, adxudicadas en réxime de alugueiro | Observatorio de Vivenda

A Xunta entrega dúas novas vivendas rehabilitadas en Betanzos ao abeiro do programa Rexurbe, adxudicadas en réxime de alugueiro

A Xunta entrega dúas novas vivendas rehabilitadas en Betanzos ao abeiro do programa Rexurbe, adxudicadas en réxime de alugueiro

A Xunta vén de entregar en Betanzos dúas novas vivendas rehabilitadas ao abeiro do programa Rexurbe e adxudicadas en réxime de alugueiro. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, fixo entrega hoxe destas vivendas situadas nas rúas Nova e Cortaduría, coas que a Administración galega suma 15 adxudicadas ao abeiro deste programa Rexurbe en Betanzos.

A Xunta ten investido preto de 800.000€ na rehabilitación dos dous inmobles onde se sitúan as vivendas entregadas hoxe e as outras dúas xa entregadas con anterioridade. A conselleira subliñou a calidade da reforma realizada, destacando que “son rehabilitacións deseñadas con gusto e detalle, coas que ademais de recuperar arquitectonicamente os nosos barrios, os revitalizamos. Reforzamos o atractivo das nosas vilas e cidades para darlle pulo ao turismo, ao comercio local, e as dinamizamos social e economicamente”.

“Cada entrega de vivenda que realizamos, significa un novo comezo  para as persoas que as habitan -indicou-. E, para a Xunta, outro paso máis neste camiño que temos marcado  para facilitar á cidadanía o acceso a unha vivenda de calidade, nunhas contornas agradables e cómodas para vivir”.

Co programa Rexurbe, a Administración autonómica adquire inmobles emprazados nos conxuntos históricos para rehabilitar, se poden ser recuperados, ou construír outros novos nos solares baleiros, para logo destinalos en alugueiro.

En Betanzos, en concreto, a través deste plan rehabilítanse 17 inmobles para poñer a disposición da cidadanía un total de 22 vivendas e 3 baixos comerciais. Desa cifra, 15 xa están entregadas, outras 5 están en obras, xa na recta final, e dúas pendentes da licitación das obras. O investimento acada 5,5M€ tanto coa adquisición como as obras de rehabilitación.

No conxunto de Galicia, temos adquirido 93 inmobles nos que se prevé obter arredor de 165 vivendas e 13 locais, cun investimento de máis de 17M€. Ademais de Betanzos, os outros centros históricos onde se está a actuar son os de Mondoñedo, Ferrol, Lugo, Ourense e Vilalba. As vivendas habilitadas cualifícanse como VPP e pasan a formar parte do parque de vivenda en alugueiro, adxudicándose a través do Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia,

A conselleira incidiu na aposta que a Xunta está a realizar en materia de vivenda, co reto nesta lexislatura de duplicar o parque público residencial en Galicia ata acadar a cifra de 8.000 vivendas públicas, así como o de desenvolver solo no que habilitar 25.000 vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres.

Fonte.- Xunta de Galicia