Ana Ortiz destaca a nova rehabilitación no Casco Vello de Vigo para ofertar outras cinco vivendas públicas cun investimento de 1,7 millóns de euros | Observatorio de Vivenda

Ana Ortiz destaca a nova rehabilitación no Casco Vello de Vigo para ofertar outras cinco vivendas públicas cun investimento de 1,7 millóns de euros

Ana Ortiz destaca a nova rehabilitación no Casco Vello de Vigo para ofertar outras cinco vivendas públicas cun investimento de 1,7 millóns de euros

A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, visitou este xoves os traballos que leva a cabo o organismo autónomo para rehabilitar un novo edificio no barrio histórico vigués e poñer a disposición da cidadanía cinco viviendas de promoción autonómica.

O CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e o 10% polo Concello de Vigo, adxudicou o pasado mes de agosto a reforma do edificio situado no número 39 da rúa Elduayen, tamén con saída ao número 16 da rúa Ferrería e cun investimento total da rehabilitación de 1,7 millóns de euros.

Esta nova actuación permitirá construír cinco vivendas na parte alta do Casco Vello, onde hai unhas semanas xa foron adxudicadas seis vivendas en Elduayen 31 e  actualmente está en concurso público o seu baixo comercial. A nova promoción contará cunha superficie de construción total de 640 m2, divididos en dous dúplex con entrada por Ferrería e dous pisos e un tercer dúplex con acceso desde Elduayen.

A representante autonómica destacou que o proxecto completa a rehabilitación dunha parte degradada do barrio histórico e permite ofrecer aos vigueses nova vivenda de promoción autonómica. “Traballamos para que a cidade conte cun parque público de vivenda que responda as necesidades dos vigueses e tanto no Casco Vello como en  Navia a Xunta avanza a bo ritmo”, sinalou.

“Porque o Consorcio Casco Vello de Vigo é un dos mellores exemplos do traballo continuado que realizamos en favor da cidadanía viguesa cando non se lle poñen trabas”, apuntou Ortiz. A presidenta do CCVV destacou que os números do organismo desde a súa creación no ano 2000 son “inapelables”, con 90 edificios rehabilitados, 130 vivendas e 36 locais en marcha para dar vida de novo a “un barrio que se atopaba en moi mal estado”. Apuntou ademais que xa hai outras tres rehabilitacións en marcha: Ribeira do Berbés, 39; Rúa Alta, 8-14; San Sebastián, 20/Hortas 2-4.

Fonte.- Xunta de Galicia