Galicia lidera as compravendas de vivendas en 2024 a nivel nacional, cun aumento do 22,3% | Observatorio de Vivenda

Galicia lidera as compravendas de vivendas en 2024 a nivel nacional, cun aumento do 22,3%

Galicia lidera as compravendas de vivendas en 2024 a nivel nacional, cun aumento do 22,3%

Galicia rexistrou un notable aumento na compravenda de vivendas en 2024, cun total de 23.642 operacións, un 22,3% máis que as 19.329 do ano anterior, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Este crecemento sitúa á comunidade galega á cabeza do conxunto estatal, xa que a media española foi dun incremento do 10%. A cifra alcanzada supón a máis alta dende 2008, cun predominio claro da vivenda de segunda man (17.754 transaccións) fronte á nova (5.888). Ademais, a maior parte das vendas corresponderon a vivendas de protección libre (22.965), mentres que só 677 foron de protección oficial.

O aumento das operacións inmobiliarias produciuse en todas as provincias galegas, aínda que A Coruña liderou as transaccións con 11.102 vendas, seguida de Pontevedra con 7.281. Lugo e Ourense tamén experimentaron subas significativas, alcanzando as 2.922 e 2.337 compravendas, respectivamente. O dinamismo do mercado galego está impulsado por diversos factores, como a mellora do acceso ao crédito hipotecario e a percepción de que os prezos seguirán en aumento nos vindeiros anos, o que anima aos compradores a adiantar as súas adquisicións.

Paralelamente, o número de hipotecas tamén experimentou un crecemento destacado en Galicia, cun aumento do 26,6% respecto ao ano anterior, acadando un total de 15.735 préstamos hipotecarios, segundo o INE. Este incremento supera amplamente a media nacional, que se situou nun 11,2%. En total, hipotecáronse 21.229 fincas na comunidade, cun capital superior aos 2.516 millóns de euros. A maioría das hipotecas asinadas corresponderon a vivendas (15.735), con 1.846 millóns de euros en financiamento. Só en decembro, rexistráronse 1.344 hipotecas sobre vivendas, un 46,8% máis que no mesmo mes de 2023, cun importe total que superou os 155 millóns de euros, preto dun 50% máis que o ano anterior.

Fonte.- Fundación Laboral de la Construcción