A Xunta activa a nova convocatoria de axudas de accesibilidade, cun orzamento de 5,3 M€, que permitirá acometer adaptacións en 750 vivendas en Galicia | Observatorio de Vivenda

A Xunta activa a nova convocatoria de axudas de accesibilidade, cun orzamento de 5,3 M€, que permitirá acometer adaptacións en 750 vivendas en Galicia

A Xunta activa a nova convocatoria de axudas de accesibilidade, cun orzamento de 5,3 M€, que permitirá acometer adaptacións en 750 vivendas en Galicia

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova convocatoria de axudas de accesibilidade, dotada dun orzamento de 5,3M€, que permitirá acometer adaptacións en arredor de 750 vivendas na comunidade.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe un edificio en Santiago de Compostela no que, ao abeiro destas axudas, se instalou un ascensor, do que se benefician 9 familias. Puxo como exemplo esta actuación executada a través dunha subvención de máis de 100.000€, que supuxo o 65% do importe total da obra.

Neste sentido, Allegue destacou a importancia destas axudas, cuxo obxectivo é contribuír a financiar actuacións para eliminar barreiras e mellorar a calidade de vida de persoas con mobilidade reducida ou con discapacidade.

As subvencións poderán solicitarse dende o vindeiro xoves ata o 28 abril, é dicir, teñen un mes de prazo. A petición realizarase mediante a web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dirixirase tanto a propietarios coma a comunidades.

Estas axudas contan con importes que oscilan entre os 6.000 e os 18.000€, chegando á máxima contía se se trata de vivendas ou edificios onde residen persoas con discapacidade.

De xeito máis detallado, os importes das axudas serán de ata 12.500€ en vivendas unifamiliares; ata 9.000€ por cada piso susceptible de recibir a subvención, en edificios de tipoloxía residencial colectiva; e ata 6.000€  por piso “illado” en un residencial colectivo.

A conselleira subliñou que as axudas poden chegar ata o 80% do gasto, por iso son moi demandadas. Engadiu ademais que acadan os 18.000 € se na vivenda reside unha persoa con discapacidade.

Con estes incentivos, os beneficiarios poderán acometer, tanto na vivenda como en zonas comúns, instalacións de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas, videporteiros, iluminación no portal ou colocación de guindastres.

Fonte.- Xunta de Galicia