A Xunta inicia a construción de dous edificios para 56 vivendas de promoción pública en Navia, en Vigo, cun investimento de 11,7 M€ | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia a construción de dous edificios para 56 vivendas de promoción pública en Navia, en Vigo, cun investimento de 11,7 M€

A Xunta inicia a construción de dous edificios para 56 vivendas de promoción pública en Navia, en Vigo, cun investimento de 11,7 M€

A Xunta inicia a construción de dous novos edificios para  56 vivendas de promoción pública en Navia, en Vigo, cun investimento de 11,7 M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, informou hoxe destas actuacións e anunciou que o remate das obras se prevé no vindeiro 2026. Allegue remarcou que estes inmobles se executan con fondos maioritariamente da Xunta, pois do orzamento global – 11,7 M€ - máis dun 75 % son achega autonómica e o resto, fondos europeos. O primeiro inmoble, para 38 vivendas, por un importe de 8,2 M€, 76 % fondos propios da Xunta e o segundo por 3,6 M€ para 18 fogares, 73 % fondos propios da Xunta.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas lembrou que estes novos edificios súmanse aos inmobles de 40 e 46 vivendas públicas que a Xunta comezou en Navia nos últimos meses, acadando un total de 142 fogares en construción.

Allegue anunciou que esta mesma mañá a Xunta autorizou a adxudicación, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), da licitación da redacción do proxecto e dirección de obra para construír 51 novas vivendas no polígono 2.

A conselleira destacou que a Xunta avanza un paso máis no reto de duplicar o parque público de vivenda en Galicia, ata chegar ás 8.000 e informou de que a Xunta xa ten en marcha máis de 2.000 en distintas fases de execución.

Estratexia de solo residencial

A estas vivendas en Navia cómpre sumar as que se poidan construír nos ámbitos que se desenvolverán en Vigo a través da Estratexia de solo residencial, por un lado no ámbito do Ofimático, que permitirá a construción de 2.300 vivendas, por outro na zona de Ramón Nieto, zona seleccionada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, para desenvolver un segundo ámbito de solo urbanizable no concello.

Esta elección produciuse tras o correspondente estudo técnico de viabilidade, toda vez que no propio Plan xeral en tramitación xa figura previsto para ser impulsado por iniciativa pública e cunha maior porcentaxe de vivenda protexida, o que o fai máis propicio para o seu desenvolvemento por parte da Xunta de Galicia. O Goberno galego prevé a construción de ao redor de 1.400 fogares máis neste ámbito.

Fonte.- Xunta de Galicia