A Xunta construirá 71 vivendas públicas en solos cedidos polos concellos de Lalín, A Estrada e Teo | Observatorio de Vivenda

A Xunta construirá 71 vivendas públicas en solos cedidos polos concellos de Lalín, A Estrada e Teo

A Xunta construirá 71 vivendas públicas en solos cedidos polos concellos de Lalín, A Estrada e Teo

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao acordo de cesión gratuíta de solo por parte dos concellos de Lalín, A Estrada e Teo, que permitirá á Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) construír 71 novas vivendas de promoción pública nestes municipios.

En concreto, a Administración autonómica acada unha parcela de 1.451 metros cadrados no concello da Estrada, concretamente na avenida de Vigo, en que prevé construír 28 novas vivendas.

Ademais, en Lalín o Concello cede unha parcela na rolda Leste-Agro de Lalín de Arriba, de 641 metros cadrados, na cal se prevén crear 17 vivendas de promoción pública.

E en Teo, a Xunta acada unha parcela cedida polo concello na rúa Cernadelo, na zona das Galanas-Calo, de 1.985 metros cadrados, na cal se construirán 26 vivendas públicas.

Unha vez que se asinen as escrituras públicas de cesión entre os concellos e Vipugal, a Xunta asumirá a titularidade destas parcelas e iniciará o proceso de licitación dos proxectos para a construción das vivendas.

O Goberno galego segue a incrementar o parque público residencial co obxectivo de duplicalo nesta lexislatura e acadar así 4.000 novas vivendas. Neste momento, xa ten en marcha máis de 2.200 vivendas nas cidades de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo ou Ferrol.  

Ademais, a Xunta tamén ten en marcha a primeira fase da Estratexia Galega de Solo Residencial con que busca, en colaboración cos concellos, facilitar solo destinado á construción de 25.000 vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres.  

Na actualidade, a Xunta avanza na adxudicación da redacción dos proxectos de interese autonómico (PIA) para desenvolver os primeiros ámbitos en sete concellos (Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Arteixo, Lugo e Ourense) nos cales se prevén máis de 15.000 vivendas, a maioría protexidas. 

Fonte.- Xunta de Galicia