A compravenda de vivendas continúa á alza en Galicia cun incremento do 3,9% en febreiro | Observatorio de Vivenda

A compravenda de vivendas continúa á alza en Galicia cun incremento do 3,9% en febreiro

A compravenda de vivendas continúa á alza en Galicia cun incremento do 3,9% en febreiro

En febreiro de 2025, Galicia rexistrou un incremento do 3,9% na compravenda de vivendas respecto ao mesmo mes do ano anterior, cun total de 2.173 operacións, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Aínda que a comunidade mantén unha liña ascendente, este avance é notablemente máis moderado que o 8,1% de xaneiro e o 22,3% acumulado de 2024. Ademais, esta suba sitúase 10 puntos por debaixo do crecemento medio estatal, que acadou un 13,9%, convertendo a Galicia na terceira autonomía cunha menor taxa de crecemento neste mes, só por diante da Comunidade Valenciana e Navarra.

A maioría das transaccións realizadas en Galicia foron sobre vivenda libre (2.112) fronte a 61 de vivenda protexida, e destacaron as operacións sobre inmobles usados (1.637) fronte ás novas (536). No total de transmisións de vivendas, sumáronse 3.999 operacións, incluíndo herdanzas, doazóns, permutas e outros tipos. A nivel estatal, o mercado mantivo a súa forza, rexistrando o mellor dato para un mes de febreiro dende 2007, grazas ao incremento tanto nas vivendas novas (+21,5%) como nas usadas (+11,8%), con case o 94% das operacións centradas en vivenda libre.

Fonte.- GaliciaPress