Os españois dedicaron de media en 2024 o 47% do seu soldo para pagar o alugueiro, segundo datos de Fotocasa e Infojobs | Observatorio de Vivenda

Os españois dedicaron de media en 2024 o 47% do seu soldo para pagar o alugueiro, segundo datos de Fotocasa e Infojobs

Os españois dedicaron de media en 2024 o 47% do seu soldo para pagar o alugueiro, segundo datos de Fotocasa e Infojobs

En 2024, os fogares españois tiveron que destinar, de media, un 47 % do seu soldo bruto ao pago do alugueiro dunha vivenda, a porcentaxe máis alta desde o ano 2019. Esta cifra foi extraída dun informe baseado nos datos do portal inmobiliario Fotocasa e os salarios medios recollidos en ofertas laborais da plataforma InfoJobs. O prezo do alugueiro medrou un 14 % nun ano, alcanzando os 13,29 euros por metro cadrado ao mes, mentres que o salario bruto medio anual quedou en 27.060 euros, o que supón uns 2.255 euros ao mes repartidos en 12 pagas.

O peso que supón o alugueiro nas rendas familiares variou segundo a comunidade autónoma, sendo Madrid (71 %), Cataluña (64 %) e o País Vasco (56 %) as rexións onde se destinou unha maior proporción do salario a esta partida. Outras comunidades como Canarias, a Comunidade Valenciana ou Navarra tamén presentaron cifras considerables, con Galicia situándose nun 36 %. A nivel provincial, destacan Barcelona e Madrid cun 71 % do salario dedicado ao alugueiro, seguidas das Illas Baleares, Guipúscoa ou Valencia, entre outras.

Segundo Fotocasa, o encarecemento do alugueiro avanza a un ritmo máis acelerado cós soldos, o que leva a que os inquilinos deban gastar case a metade dos seus ingresos na vivenda, moi por riba do 30 % que se considera sostible. InfoJobs, pola súa banda, sinala que o salario medio aumentou un 3,1 %, por enriba do IPC (2,8 %), pero esta mellora non compensa o efecto acumulado da inflación e a escalada dos prezos do alugueiro, o que está a dificultar cada vez máis o acceso a unha vivenda digna.

Fonte.- Infobae