A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de 2 vivendas en alugueiro accesible para menores de 36 anos no barrio histórico de Betanzos | Observatorio de Vivenda

A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de 2 vivendas en alugueiro accesible para menores de 36 anos no barrio histórico de Betanzos

A Xunta inicia o procedemento para a adxudicación de 2 vivendas en alugueiro accesible para menores de 36 anos no barrio histórico de Betanzos

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), vén de iniciar o procedemento para a adxudicación de dúas vivendas de promoción pública (VPP) en alugueiro accesible para menores de 36 anos no municipio de Betanzos.

Así o acordou a Comisión Provincial de Vivenda da Coruña, que deu conta do sorteo público que se celebrará o próximo 16 de maio entre os demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia, para o concello de Betanzos como concello preferente, na data na que se publique no Diario Oficial de Galicia o inicio do procedemento. A adxudicación farase en réxime de alugueiro para menores de 36 anos, cuns ingresos ponderados por unidade familiar entre 1 e 3,5 veces o IPREM.

Os inmobles que albergan as dúas vivendas están situados na rúa do Alfolí 6 e a rúa Pinche 9, no barrio histórico de Betanzos, e foron rehabilitados ao abeiro do Programa Rexurbe. A Xunta fixo un investimento de preto de 700.000€ nestes edificios, dos que 100.000€ son fondos europeos.

Unha vez realizado o sorteo, a lista provisional de adxudicatarios publicaranse nos taboleiros de anuncios do Concello e do IGVS así como na páxina web deste organismo. Así mesmo, a continuación abrirase un prazo de 10 días para a presentación de posibles reclamacións.

Fonte.- Xunta de Galicia