A Comisión Europea lanza unha consulta pública sobre o desenvolvemento do plan europeo de vivenda alcanzable | Observatorio de Vivenda

A Comisión Europea lanza unha consulta pública sobre o desenvolvemento do plan europeo de vivenda alcanzable

A Comisión Europea lanza unha consulta pública sobre o desenvolvemento do plan europeo de vivenda alcanzable

A Comisión Europea iniciou o 12 de maio unha consulta pública para recoller achegas de cidadáns, empresas, administracións e organizacións sociais sobre o acceso á vivenda. O obxectivo é contribuír á elaboración dun Plan Europeo de Vivenda Asequible que permita facer fronte á crecente crise no sector. Esta primeira fase estará aberta ata o 4 de xuño e irá seguida doutra máis detallada entre xuño e outubro, para culminar en 2025 cun diálogo a nivel europeo sobre esta problemática que afecta a millóns de persoas.

Entre as medidas xa anunciadas, Bruxelas propuxo duplicar os fondos de cohesión destinados á vivenda social e activou a fase inicial dunha plataforma paneuropea de investimento no sector. Ademais, estase a traballar na creación dun consello asesor con 15 membros que achegarán propostas políticas sobre o plan. Esta liña de actuación encaixa co Plan de Acción Europeo sobre Enerxía Asequible, aprobado en febreiro, que busca reducir custos enerxéticos e combater a pobreza enerxética nos fogares.

No seu discurso ante o Parlamento Europeo, a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, comprometeuse a poñer en marcha unha carteira específica de Vivenda e a designar, por primeira vez, un comisario responsable nesta área. O cargo foi asumido polo danés Dan Jørgensen, quen terá como misión atraer investimentos e abaratar os custos de construción. Paralelamente, a nova comisión parlamentaria sobre a crise da vivenda contará con cinco representantes do Estado español, pertencentes a distintas formacións políticas.

Fonte.- Idealista