Rueda avalía as inversións da Xunta na cidade e provincia de Lugo en vivenda | Observatorio de Vivenda

Rueda avalía as inversións da Xunta na cidade e provincia de Lugo en vivenda

Rueda avalía as inversións da Xunta na cidade e provincia de Lugo en vivenda

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, avaliou hoxe informes de diferentes departamentos autonómicos que dan conta dos últimos compromisos e investimentos levados a cabo polo Executivo galego na cidade e provincia de Lugo e que “suman máis de 100 millóns de euros”, entre actuacións xa rematadas, en execución ou que se van iniciar nos vindeiros meses.

O presidente do Executivo galego sinalou que a Xunta puxo en marcha un total de 519 vivendas de promoción pública na cidade de Lugo durante os últimos doce meses. Estes inmobles enmárcanse no compromiso do Goberno galego de “duplicar o parque público residencial nesta lexislatura” e están situadas no barrio de Garabolos. Delas, xa están adxudicadas as obras para dos edificios de 76 e 70 vivendas en dúas parcelas na rúa Paulo Fabio Máximo, en que se investirán 28,1 millóns. Os traballos iniciaranse no vindeiro mes de xuño.  Ademais, está licitada a redacción dos proxectos para construír 178 e 145 vivendas noutras dúas parcelas de Garabolos.

Por outra banda, a Xunta vai construír 100 vivendas públicas nas parcelas acadadas nunha permuta co Concello de Lugo e, ao abeiro da Estratexia galega de solo residencial, avanza na adxudicación do Proxecto de interese autonómico (PIA) que permitirá desenvolver na cidade de Lugo o ámbito do barrio Sagrado Corazón. Nesta contorna prevese que se poidan construír 1.200 vivendas, a meirande parte protexidas.

Outro dos eixes de actuación que está a abordar o Goberno galego para enfrontar o reto da vivenda é a rehabilitación, centrada, no caso de Lugo, no barrio da Tinería. Nesta contorna do conxunto histórico, a Xunta xa ten rehabilitados 40 inmobles, que permitiron habilitar 96 vivendas, cun investimento ata agora de 26 millóns de euros.  E a Xunta segue avanzando nesta recuperación desta zona co desenvolvemento urbanístico da UI-8, espazo situado entre a muralla e o Pazo de Dona Urraca, en que se creará unha praza pública e se construirán novas vivendas de promoción pública.

Fonte.- Xunta de Galicia