Rueda sinala tras a Conferencia de Presidentes Autonómicos que non renuncia a chegar a acordos en materia de vivenda co Goberno | Observatorio de Vivenda

Rueda sinala tras a Conferencia de Presidentes Autonómicos que non renuncia a chegar a acordos en materia de vivenda co Goberno

Rueda sinala tras a Conferencia de Presidentes Autonómicos que non renuncia a chegar a acordos en materia de vivenda co Goberno

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou hoxe que a XXVIII Conferencia de Presidentes Autonómicos servise para que o Goberno central tivese a súa “foto” pero da que os galegos marchan sen nada.

Durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación posterior á celebración da Conferencia, Rueda realizou unha valoración xeral da reunión, sinalando que antes do comezo consideraba que había “posibilidades de chegar a acordos” que non se produciron.

Segundo sinalou o presidente, o motivo foi que o Goberno central non quixo someter a votación as propostas realizadas polas comunidades autónomas, polo que marcharon da reunión “sen expectativas” en ningún asunto.

Man tendida en vivenda

En materia de vivenda, Rueda sinalou que “non renuncia” a chegar a acordos en torno ás propostas do Goberno de España sempre que se cumpra con que se dedique ás prioridades que estableza cada comunidade autónoma e se “aumente o prazo” de 4 a 6 anos para poder planificar a longo prazo.

Ademais o titular do Executivo galego solicitou ao Presidente do Goberno tanto que ceda á Xunta todas aquelas vivendas da Sareb que sexan habitables, en situación legal e estean en zonas onde exista demanda para convertelas en vivendas públicas, como que corrixa as “medidas contraproducentes” para activar o mercado da vivenda, protexendo aos inquilinos e reducindo a presión fiscal.

Nesta liña, lembrou que medidas en vivenda que agora propón o Goberno central, como a promoción pública de vivendas protexidas ou a creación da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia, xa hai meses que foron implantadas pola Xunta. 

Fonte.- Xunta de Galicia