María M. Allegue urxe ao Goberno central que convoque a Conferencia Sectorial de Vivenda | Observatorio de Vivenda

María M. Allegue urxe ao Goberno central que convoque a Conferencia Sectorial de Vivenda

María M. Allegue urxe ao Goberno central que convoque a Conferencia Sectorial de Vivenda

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, pechou as xornadas “La Galicia que viene” organizadas por El Español na Coruña, foro que aproveitou para volver a reclamar ao Goberno central a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Vivenda, que non se celebra dende outubro do 2024 e que é “fundamental para buscar alianzas  e solucións fronte o problema da vivenda no país”. A conselleira esixiu “menos anuncios en prensa e máis diálogo coas Comunidades Autónomas”.

Allegue agradeceu a invitación á xornada de traballo, na que expuxo os avances en materia de infraestruturas e vivenda neste primeiro ano de lexislatura do Goberno Rueda, no que un dos principais retos é duplicar o parque público residencial en Galicia nesta lexislatura, ata chegar ás 8.000 vivendas. A conselleira apuntou que xa están en marcha máis de 2.200 en distintas fases de execución e puxo en valor a Sociedade Pública de Vivenda (VIPUGAL), que está a asumir compromisos firmes e a traballar a pleno rendemento por unha Galicia con máis e mellores oportunidades en materia de vivenda, “mentres seguimos a agardar que a anunciada empresa pública do Ministerio de Vivenda bote a andar despois de levar anunciada máis de sete meses”.

Entre as medidas da Xunta para impulsar a construción de nova vivenda, a titular de Vivenda destacou tamén que a Administración autonómica ten modificado a normativa para facer máis áxil habilitar solo que permita seguir construíndo a través dos Proxectos de Interese Autonómicos, dentro da Estratexia Galega do Solo. A conselleira tamén salientou a tramitación en curso do decreto ECOMM, que permitirá axilizar as concesións de licenzas, que terá a mesma validez e efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais.

M. Allegue trasladou aos asistentes as achegas e programas postos en marcha polo Executivo galego e destacou o programa Fogar Vivo para recuperar para o mercado de alugueiro vivendas baleiras con prezos accesibles, con axudas de ata 16.000€ para obras de reforma e un seguro de impago e multirrisco.

M. Allegue tamén salientou que o Goberno galego está a traballar co Clúster da Construción para incrementar a industrialización do sector, co obxectivo de enfrontar a falta da man de obra, un dos principais problemas do sector, e mellorar os tempos de traballo e a trazabilidade.

Acordos e medidas con entidades locais

Por outra banda, a conselleira destacou o papel das entidades locais no reto de garantir o acceso á vivenda, motivo polo que a Xunta ten en marcha medidas de acompañamento e liñas de financiamento como os fondos de cooperación dirixidos a concellos dotados con 13,7M€, para comprar ou urbanizar solo onde construír vivenda de protección autonómica e tamén promover VPA, polo concello ou en colaboración público privada.

A este programa súmase outro de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida, para dar saída a parcelas da súa propiedade, dándolles acompañamento técnico. Deste xeito, a Xunta sacará a concurso público en réxime de libre concorrencia as parcelas urbanizadas das que dispoñan, para a construción de fogares protexidos tanto en réxime de alugueiro como de venda.

M. Allegue incidiu, ademais, nos numerosos acordos que está a pechar cos concellos a Xunta, de cara a acadar máis parcelas onde construír.

Fonte.- Xunta de Galicia