As axudas da Xunta posibilitan a rehabilitación de 32 vivendas de titularidade municipal, cun investimento de 1,8M€ | Observatorio de Vivenda

As axudas da Xunta posibilitan a rehabilitación de 32 vivendas de titularidade municipal, cun investimento de 1,8M€

As axudas da Xunta posibilitan a rehabilitación de 32 vivendas de titularidade municipal, cun investimento de 1,8M€

A conselleira de Vivenda e Planificación de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou hoxe, nunha visita a Chandrexa de Queixa, a aposta do Concello por recuperar antigas vivendas de traballadores do encoro a través das achegas para a renovación de vivendas de titularidade municipal da Xunta. 6 inmobles neste concello beneficiáronse desta axuda para a súa renovación e destinaranse a alugueiro accesible.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas anunciou que a Xunta vén de esgotar o crédito desta liña de axudas que contan cun orzamento de 1.850.000€ Salientou que se adxudicaron achegas  para a rehabilitación de 32 vivendas en 20 concellos de menos de 30.000 habitantes, 19 na provincia de Ourense, 3 delas en Chandrexa de Queixa, por 1,8M€.

M. Allegue destacou que se incrementou o importe concedido, respecto ao 2024, nun 45%, pasando de 1,27M€ a 1,8M€, e tamén ascenderon o número de vivendas recuperadas nun 18% pasado de 27 a 32.

En total, entre 2017 e 2025 a Xunta concedeu axudas para a rehabilitación de preto de 300 vivendas a 106 concellos por un importe de 12M€. Por provincias, en Ourense beneficiáronse 46 concellos e se acadaron 121 vivendas, en Lugo 31 concellos e 87 vivendas, en Pontevedra 19 concellos e se obtiveron 54 vivendas e por último en A Coruña, 10 concellos e se renovaron 22 vivendas.

M. Allegue subliñou que esta convocatoria destas achegas busca ampliar o apoio aos concellos para impulsar estas actuacións en edificios da súa titularidade, como poden ser as antigas vivendas de mestres ou outros oficios. Deste xeito, as axudas esténdense agora aos que conten con menos de 30.000 habitantes, cando antes se limitaba aos de menos de 20.000.

“Con estas achegas -subliñou a conselleira- non só creamos novos fogares, novas vivendas públicas, desta vez municipais, senón que recuperamos patrimonio e tamén axudamos a asentar poboación nos concellos de menos de 30.000 habitantes”.

As axudas autonómicas poden acadar ata o 95% do orzamento das obras, podendo chegar ata os 50.000€ por vivenda rehabilitada, que ascenden a 55.000 no caso de que se atopen nun ámbito histórico ou nun ámbito dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra, como é o caso de Chandrexa da Queixa e a 57.000 se a vivenda está nunha área Rexurbe.

Fonte.- Xunta de Galicia