A Xunta reforzará a aposta por mellorar o acceso á vivenda na reprogramación do marco financiero 21-27 dos fondos europeos | Observatorio de Vivenda

A Xunta reforzará a aposta por mellorar o acceso á vivenda na reprogramación do marco financiero 21-27 dos fondos europeos

A Xunta reforzará a aposta por mellorar o acceso á vivenda na reprogramación do marco financiero 21-27 dos fondos europeos

O conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou hoxe que o Goberno galego reforzará a aposta por mellorar o acceso á vivenda na reprogramación do marco financeiro 21-27 dos fondos europeos.

Durante a súa participación no almorzo informativo de Executive Forum: 40 anos de fondos europeos en Galicia, Miguel Corgos subliñou que Galicia recibiu desde 1986 máis de 36.500 millóns de euros de fondos europeos –case 4.500 M€ de fondos Next Generation-, que contribuíron de maneira definitiva ao desenvolvemento económico e social da comunidade grazas, resaltou, a unha xestión eficaz en consonancia coas prioridades da Unión Europea.

Nesta liña e como exemplo desta xestión eficaz, o conselleiro de Facenda e Administración Pública explicou que Galicia está cumprindo o seu Plan Estratéxico 2030 en liña coas prioridades da UE, como pon de manifesto a reprogramación dentro do marco financeiro 21-27 de 90 M€ para, entre outros obxectivos prioritarios, reforzar a aposta por mellorar o acceso á vivenda, “unha prioridade da Unión Europea e a nosa máxima prioridade neste lexislatura”, dixo.

Ao longo da súa intervención, Miguel Corgos resaltou a relevancia do fondos europeos á hora de mellorar o crecemento e a converxencia de Galicia, como poñen de manifesto os datos do último informe sobre cohesión económica, social e territorial da UE, que confirman que Galicia é unha das CC.AA. que presenta, nas últimas dúas décadas, un crecemento do PIB per cápita superior á media. De feito, é a comunidade que máis creceu en PIB per cápita de España, un 3,7% de media anual entre os anos 2000 e 2023, case un punto por riba da media de España (2,9%).

“E, neste período, Galicia escalou sete posicións entre as comunidades en termos de PIB por habitante e pasou de representar o 77,6% da media hai dúas décadas ao 92,5% no ano 2023, cun avance de case 15 puntos”, engadiu.

Todos os recursos para acadar unha eficiente execución dos fondos MRR

Así mesmo, Miguel Corgos aproveitou a súa intervención para referirse aos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, subliñando que, pese a diversos atrancos, como a excesiva centralización e falta de cogobernanza real, que leva a que practicamente Galicia non poida máis que executar os fondos asignados nos proxectos definidos e pechados polos respectivos ministerios, a Xunta está a poñer todos os recursos para acadar unha eficiente e óptima execución dos mesmos.

Cos datos do último trimestre pechado a 31 de marzo, o volume que se ten adxudicado ascende a 1.265M€, o que representa o 89% dos importes publicados e o 77% dos ingresos recibidos. “É unha boa execución que tamén confirman os datos do Ministerio de Economía, que din que a taxa de resolución de Galicia, sen as entidades locais, segue sendo a segunda máis alta en España, 13 puntos máis que a media das comunidades”, dixo.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública aproveitou tamén para trasladar a preocupación ante o risco de que no novo marco financeiro plurianual post-27 se vaia a unha centralización similar á que se empregou en España cos  fondos MRR e insistiu en que o Goberno galego aposta por un modelo de xestión compartida e unha gobernanza multinivel, no que o as rexións participen con autonomía no deseño e xestión das políticas dirixidas a mellorar a converxencia económica, social e territorial, “tendo en conta as nosas diferentes necesidades”.

“Demandamos que o novo marco financeiro plurianual post-27 aumente o peso actual dos gobernos rexionais na definición e xestión das medidas financiadas cos fondos de cohesión”, recalcou o conselleiro, anunciando que o próximo mes de outubro terá lugar en Santiago de Compostela a celebración dun debate con todos os membros de España do Comité das Rexións co obxectivo de analizar a proposta sobre o próximo marco financeiro plurianual e intercambiar ideas sobre os desafíos que suporá en materia de coordinación interna en España.

Miguel Corgos recalcou que “Galicia non sería a mesa sen os fondos europeos” e asegurou que a Comunidade galega seguirá avanzando con paso firme “da man de todos os pobos de Europa”.

Fonte.- Xunta de Galicia