A Xunta publica o novo decreto que regula as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal, que permitirá axilizar trámites para construír vivenda | Observatorio de Vivenda

A Xunta publica o novo decreto que regula as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal, que permitirá axilizar trámites para construír vivenda

A Xunta publica o novo decreto que regula as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal, que permitirá axilizar trámites para construír vivenda

O Diario Oficial de Galicia publica o novo decreto polo que  se regulan as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) e o seu rexistro, o que permitirá simplificar trámites e axilizar a construción de vivenda. Este decreto entrará en vigor aos 20 días naturais da súa publicación no DOG, é dicir, o 17 de agosto.

Con este novo decreto, a Xunta ten como obxectivo axilizar, simplificar e reducir prazos en materia de vivenda, no marco do compromiso do Goberno galego galego neste eido prioritario na lexislatura, sempre garantindo a seguridade xurídica e coa finalidade de incrementar a oferta de inmobles en Galicia.

A normativa desenvolve un novo marco legal aplicable ás ECCOM mediante unha regulación única, integral e pormenorizada do réxime xurídico destas entidades e do seu rexistro, facilitando así a súa accesibilidade por toda a cidadanía e as administracións públicas. Así, este decreto constitúe unha oportunidade de mellorar, definir e avanzar nun desenvolvemento normativo completo das ECCOM.

O decreto establece que nas solicitudes de licencia urbanística acompañadas dun certificado ECCOM, esta certificación terá a mesma validez e efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais, que se entenderán substituídos por ditos certificados. A nova regulación será de aplicación xeral.

Entre as repercusións sobre os cidadáns que a presente norma procura están as de outorgar seguridade xurídica tanto aos particulares como aos concellos nos supostos en que se actúe a través dunha ECCOM.

Así mesmo, o obxectivo é tamén facilitar o coñecemento pola cidadanía das ECCOM autorizadas para exercer a súa actividade na comunidade autónoma mediante a creación do novo rexistro, que será xestionado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, competente en materia de urbanismo.

Tramitación

O proxecto de decreto someteuse a consulta pública previa entre o 14 de xaneiro e o 3 de febreiro deste mesmo ano, e publicouse no Portal de transparencia e goberno aberto da administración autonómica.  Tamén se someteu a trámite de audiencia entre o 20 de marzo e o 10 de abril, remitíndose á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), e a todos os colexios profesionais, colectivos e organismos interesados. Todas as alegacións recibidas foron respondidas e, no seu caso, incorporadas ao texto. E último trámite foi a remisión ao Consello Consultivo de Galicia, que concluíu que o proxecto resulta consonte ao ordenamento xurídico.

Estrutura

O decreto polo que se regulan as ECCOM e o seu rexistro consta de 51 artigos estruturados en cinco capítulos, que abordan o obxecto e ámbito de aplicación; as entidades de certificación de conformidade municipal; o seu rexistro; réxime de funcionamento e as obrigas e control destas entidades. Completan esta regulación dúas disposicións adicionais, unha transitoria, unha derrogatoria e dúas disposicións finais.

O novo decreto define os requisitos que deben cumprir as ECCOM para exercer a súa actividade na comunidade autónoma, así como as súas funcións, a documentación que deben emitir como resultado das súas actuacións e o réxime de responsabilidade das mesmas.

Regúlase tamén o rexistro destas entidades, determinándose os actos inscritibles, o procedemento de inscrición e os efectos e vixencia desta. Igualmente, establécense no decreto as obrigas das ECCOM e regulase o seu réxime de control, establecendo as prohibicións e incompatibilidades ás que están sometidas, así como o seu réxime sancionador.

Fonte.- Xunta de Galicia