O alugueiro crece un 10,9% interanual durante o mes de xullo, segundo o último informe de prezos de Idealista | Observatorio de Vivenda

O alugueiro crece un 10,9% interanual durante o mes de xullo, segundo o último informe de prezos de Idealista

O alugueiro crece un 10,9% interanual durante o mes de xullo, segundo o último informe de prezos de Idealista

O mes de xullo pechouse cunha suba interanual do prezo do alugueiro en España do 10,9%, situándose en 14,6 euros por metro cadrado, segundo os datos publicados por Idealista. A pesar deste incremento anual, no último trimestre o ascenso foi máis moderado, cun 2,1%, e incluso se rexistrou unha lixeira baixada mensual do 0,5%. En 51 capitais de provincia os prezos medraron en comparación co mesmo mes do ano anterior, sendo Melilla a única excepción, cun descenso do 1,1%. Entre as cidades onde máis se incrementaron as rendas destacan Segovia (22,7%), Zamora (19,4%) e Tarragona (17,2%), mentres que en lugares como Lleida (1,4%) ou Soria (1,6%) a suba foi moito máis contida.

Nas principais cidades españolas, a tendencia tamén foi claramente alcista. Madrid lidera este grupo cunha suba do 11,3%, seguida por Alicante (9,3%), Valencia (9%) e Sevilla (8,6%). Barcelona, malia experimentar un aumento máis moderado (8,3%), continúa sendo a capital máis cara para alugueiro, con 23,4 euros/m², por diante de Madrid (22,1 euros/m²) e San Sebastián (18,3 euros/m²). As cidades con prezos máis accesibles son Ciudad Real (7,7 euros/m²), Zamora e Cáceres (7,8 euros/m²), aínda que incluso nelas os alugueiros medraron durante o último ano.

A nivel provincial, a Comunidade de Madrid superou a Barcelona como o territorio máis caro para vivir de alugueiro, cun prezo medio de 20,3 euros/m². Séguena Baleares (19,7 euros/m²) e Málaga e Guipúscoa (ambas con 16,7 euros/m²). Pola contra, as provincias máis baratas son Jaén (6,7 euros/m²) e Ciudad Real (6,9 euros/m²). Todas as comunidades rexistraron aumentos nas rendas, destacando A Rioxa (13,6%) e Castela-A Mancha (13,5%) como as que máis subiron. Galicia, cun incremento do 9,1%, sitúase lixeiramente por debaixo da media nacional, mentres que comunidades como Estremadura (2,2%) e Cantabria (4,5%) rexistraron os incrementos máis suaves.

Fonte.- Idealista