Rueda anuncia que este mesmo luns xa poderán solicitarse as axudas da Xunta para a reconstrución das zonas afectadas polos incendios | Observatorio de Vivenda

Rueda anuncia que este mesmo luns xa poderán solicitarse as axudas da Xunta para a reconstrución das zonas afectadas polos incendios

Rueda anuncia que este mesmo luns xa poderán solicitarse as axudas da Xunta para a reconstrución das zonas afectadas polos incendios

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico aprobou nun Consello extraordinario un paquete de medidas para impulsar a reconstrución das zonas afectadas en Galicia pola vaga de lumes forestais deste verán. Trátase dunha serie de achegas dirixidas a apoiar os cidadáns e os concellos que prevé axudas para a recuperación de vivendas, explotacións agrogandeiras, negocios ou instalacións municipais. 

Rueda salientou que o obxectivo da Xunta é chegar ao máximo número de beneficiarios. “Todas as persoas que teñan dereito ás axudas van recibilas, sen límite de importe total”, explicou para adiantar que estes apoios económicos sairán publicados mañá no Diario Oficial de Galicia “e poderán solicitarse de forma inmediata” desde o vindeiro luns, 1 de setembro. 

O presidente autonómico resaltou que para a Xunta é unha prioridade que “a reconstrución sexa o máis rápida posible” e pediu premura ao Goberno central á hora de convocar as súas achegas para os afectados polos lumes en Galicia. Nesta liña, lembrou  que as axudas hoxe aprobadas en Consello serán compatibles coas do Executivo estatal sempre que a suma total dos fondos non supere o total do dano feito. 

Para axilizar e resolver dúbidas sobre a tramitación destas achegas, Galicia contará desde o vindeiro luns con 16 oficinas de atención aos afectados polos incendios nas que traballarán medio centenar de empregados públicos. Ademais, tamén está á disposición dos cidadáns o teléfono de información 012 que se verá reforzado. 

Apoio á reconstrución de vivendas

O paquete de medidas aprobado no Consello extraordinario inclúe apoios para a reconstrución das vivendas que sufriron danos a consecuencia dos incendios, con diferentes contías en función de se o inmoble afectado era o domicilio habitual ou unha segunda residencia. 

Rueda resaltou que, no caso das vivendas de uso habitual ou permanente, os propietarios poderán recibir ata 132.000 € para a súa rehabilitación ou para a súa reconstrución ou adquirir unha nova vivenda se o inmoble fose declarado ruinoso. Do mesmo xeito, haberá axudas para renovar o enxoval doméstico con contías de ata 16.200 €. 

Cando se trate da segunda residencia, os titulares terán dereito a axudas de ata 66.000 € para a rehabilitación ou a reconstrución da mesma. Ademais poderán recibir ata 5.400 € para mobles e utensilios domésticos. 

Quedan fóra destas achegas aquelas casas que estivesen abandonadas no momento de producírense os lumes. 

Ademais, os afectados polos incendios tamén poderán beneficiarse de axudas complementarias para o realoxo mentres se rehabilitan as vivendas danadas sempre que fose domicilio habitual do solicita. Por unha parte, a través das medidas derivadas dos convenios e acordos con concellos e entidades de apoio a estes veciños e, por outra, co acceso ao Bono alugueiro social. Neste caso, os afectados poderán recibir ata o 100 % da renda do alugueiro -sempre que non superen os límites fixados por concellos que rexen nas bases deste Bono- e unha achega extra de 600 euros para sufragar os gastos do aloxamento provisional, do transporte ou da mudanza.

As achegas de Vivenda poderán solicitarse desde o vindeiro luns e ata o 28 de novembro.

Fonte.- Xunta de Galicia