Australia acelera a construción de vivendas e a redución de barreiras ao investimento para frear a crise inmobiliaria | Observatorio de Vivenda

Australia acelera a construción de vivendas e a redución de barreiras ao investimento para frear a crise inmobiliaria

Australia acelera a construción de vivendas e a redución de barreiras ao investimento para frear a crise inmobiliaria

O Goberno australiano vén de anunciar un paquete de actuacións urxentes para facer fronte á grave crise habitacional que atravesa o país. Entre elas destacan a creación inmediata de máis de 26.000 vivendas novas, a paralización de cambios normativos na construción para axilizar permisos e o uso da Intelixencia Artificial nos trámites administrativos. A ministra de Vivenda, Clare O'Neil, subliñou que o obxectivo é facilitar o acceso a fogares de calidade sen engadir máis cargas burocráticas ao sector. Ademais, planea facilitar a entrada de fondos de investimento no mercado, o que podería mobilizar arredor de 8.000 millóns de dólares australianos en capital adicional.

As medidas chegan tras unha mesa de diálogo liderada polo Tesouro con empresarios, sindicatos, expertos e funcionarios, na procura de solucións que melloren tanto a oferta de vivenda como a produtividade nacional. O mercado enfróntase a unha combinación de problemas: o freo de proxectos despois da pandemia, o encarecemento da construción e a quebra de numerosas empresas. Como consecuencia, os prezos das casas rexistraron en xullo o sexto mes consecutivo de subas, cun valor medio de 5.814 dólares australianos por metro cadrado, un 29% máis ca no ano anterior. A dispoñibilidade de alugueiros tamén segue en niveis moi baixos, cunha taxa de só o 1,7%. O sector inmobiliario valorou positivamente o plan, considerando que pode abrir o camiño para levantar decenas de miles de vivendas adicionais e dar resposta ás necesidades das familias australianas.

Fonte.- Idealista