Allegue pon en valor as vivendas públicas da Xunta, que cumpren os requisitos de máxima eficiencia enerxética | Observatorio de Vivenda

Allegue pon en valor as vivendas públicas da Xunta, que cumpren os requisitos de máxima eficiencia enerxética

Allegue pon en valor as vivendas públicas da Xunta, que cumpren os requisitos de máxima eficiencia enerxética

A Xunta aposta polas técnicas industrializadas na construción de vivenda pública, ao ser un sistema áxil e sostible, e reforza o uso da madeira galega. Así o sinalou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, que interveu nas xornadas Green Thursday 2025, organizadas polo diario Quincemil.

Allegue subliñou que o Goberno galego ten en marcha a construción de 400 vivendas públicas empregando técnicas industrializadas, un mecanismo que evita varios dos procesos construtivos.

Destacou que se creou no Observatorio da Vivenda de Galicia unha comisión técnica específica para incorporar paulatinamente sistemas de construción industrializada, ao amparo da que se desenvolveu o Plan director da construción industrializada, que elaboran a Fundación Galicia Constrúe e o Clúster da Construción, en colaboración coa Xunta.

Lembrou que este plan consta de varias ferramentas: un mapa de capacidades produtivas, que xa se está elaborando e co que se busca identificar os recursos de Galicia, tanto empresas como tecnoloxías e profesionais. Xa se detectaron ao redor dun centenar. As outras ferramentas son unha guía de construción industrializada e un plan de fomento deste sistema a través da formación.

A conselleira citou distintos exemplos de actuacións nas que a Xunta está a utilizar as técnicas industrializadas, como nalgúns edificios de Xuxán, na Coruña; e tamén se referiu ao uso da madeira como material principal no novo centro de saúde de Abegondo.

Tamén remarcou a importancia do respeto ao medio ambiente, logrando vivendas públicas sostibles e eficientes enerxeticamente. Son fogares que cumpren os requisitos de máxima eficiencia, reducindo un 20% o consumo de enerxía esixible ás vivendas de consumo case nulo. Para iso empréganse fundamentalmente estratexias de arquitectura pasiva como o incremento substancial do illamento térmico.

Así mesmo, os sistemas das instalacións térmicas evitan a utilización de combustibles fósiles e priman os baseados en enerxías renovables como a solar, xeotérmica e aerotérmica.

Puxo en valor o traballo da Xunta en colaboración con promotores, cooperativistas, arquitectos, enxeñeiros e empresas que achegan valor a unha construción enfocada á sustentabilidade.

Ademais, fixo fincapé no compromiso co rural, incentivando tanto a compra como a rehabilitación de vivendas en concellos pequenos. Para alcanzar este obxectivo, cabe lembrar que a Xunta ten axudas directas para adquirir vivendas, con maior dotación para a mocidade, ou para rehabilitar edificacións que logo se transforman en fogares.

Fonte.- Xunta de Galicia