O Concello da Peroxa súmase ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de 7 vivendas protexidas | Observatorio de Vivenda

O Concello da Peroxa súmase ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de 7 vivendas protexidas

O Concello da Peroxa súmase ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de 7 vivendas protexidas

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, vén de asinar co alcalde da Peroxa, Manuel Seoane Rodríguez, o convenio enmarcado no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida neste municipio. Na sinatura do convenio tamén estivo a directora territorial da Consellería en Ourense, Pilar Fernández León.

A través deste convenio, asinado esta tarde en San Caetano, a Xunta pon a disposición do Concello da Peroxa esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, dúas parcelas contiguas da súa titularidade, de 805 m² e 1.040 m², respectivamente, e que suman unha superficie total duns 1.845 m², situadas no núcleo da Peroxa, para a construción de polo menos 7 vivendas unifamiliares (6 pareadas).

O departamento que dirixe M. Allegue, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), sacará a concurso público en réxime de libre concorrencia esta parcela de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos que poderían ser tanto en réxime de alugueiro como de venda. Ademais, deste xeito, facilitarase a información aos promotores, cooperativas e á cidadanía, en xeral, sobre os solos dispoñibles.

O IGVS tamén se encargará da publicación do solo dispoñible, a redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que os concellos unicamente terán que remitir ao IGVS a información sobre as parcelas a adxudicar e ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.

M. Allegue fixo fincapé na importancia desta colaboración cos concellos, sendo este novo convenio co Concello ourensán da Peroxa o sétimo que se asina en Galicia, tras os rubricados cos concellos das Pontes de García Rodríguez, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro e Ordes.

Este novo programa está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos, e a conselleira recordou que o prazo par adherirse a este programa permanecerá aberto indefinidamente.

Fonte.- Xunta de Galicia