Allegue centra a actuación da Xunta en vivenda en 3 eixos: construción, rehabilitación e desevolvemento de solo residencial e reivindica o 2026 coma o ano “do despegue definitivo” da vivenda pública en Galicia | Observatorio de Vivenda

Allegue centra a actuación da Xunta en vivenda en 3 eixos: construción, rehabilitación e desevolvemento de solo residencial e reivindica o 2026 coma o ano “do despegue definitivo” da vivenda pública en Galicia

Allegue centra a actuación da Xunta en vivenda en 3 eixos: construción, rehabilitación e desevolvemento de solo residencial e reivindica o 2026 coma o ano “do despegue definitivo” da vivenda pública en Galicia

A Xunta de Galicia rematará o ano con máis de 3.000 novas vivendas públicas en marcha e coas novas medidas que permitirán incrementar o parque público residencial. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas compareceu no Parlamento para dar conta das actuacións en materia de vivenda ao longo desta lexislatura, detallando os tres eixos nos que traballa o seu departamento para facer fronte á principal preocupación da cidadanía que é o acceso a unha vivenda digna a un prezo accesible: a construción, a rehabilitación e o desenvolvemento de solo residencial. Tres eixos nos que a Xunta tamén implica aos concellos e ao sector privado, “porque a colaboración público-privada é fundamental para dar resposta á elevada demanda de vivenda; é un traballo de todos”

María Martínez Allegue, destacou que o ano que vén a Xunta porá en marcha 1.000 novas vivendas públicas, que se suman ás 3.000 actuais, e comezará a entrega dos novos fogares en Coruña, Santiago de Compostela ou en Pontevedra, situando o 2026 como o ano “do despegue definitivo da vivenda pública en Galicia”, e puxo o acento no tempo récord no que se está a impulsar nova vivenda pública, dentro do reto de duplicar o parque público de vivenda de 4.000 a 8.000 fogares.

Allegue aproveitou a súa intervención para agradecer a todos os Concellos que están colaborando coa Xunta cedendo parcelas de xeito gratuíto para construír máis vivenda. Recordou que ao logo desta lexislatura a Xunta asinou acordos con A Coruña, Pontevedra, Lugo, Ames, A Estrada, Lalín, Teo, Mos, Vilagarcía de Arousa, Carballo, San Cibrao das Viñas, Arteixo e Narón. Por último, recordou que o Consello da Xunta desta semana aprobou a cesión de solo do Concello de Bueu. O total de fogares que se van a construír neses solos cedidos polos concellos suman 700 vivendas.

Estratexia da Xunta en 2026

Allegue deu conta da folla de ruta que ten o Goberno galego e sinalou que a Xunta está construíndo fogares públicos a través do IGVS e a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (VIPUGAL), desenvolvendo solo para construír e adquirindo directamente vivendas de promoción pública a particulares para a súa cualificación como vivenda pública con carácter permanente, para sacalas despois de novo ao mercado a través do rexistro de demandantes.

Por outra banda, o Goberno galego xa modificara normativa, a principios de 2025, para facilitar a conversión de locais en vivendas, pero a partir do ano que vén a Xunta adquirirá e adecuará baixos desocupados para convertelos en fogares con cualificación permanente. Esta nova medida se porá en marcha, cun programa piloto, na cidade de Ourense.

A Xunta tamén está impulsar aloxamentos compartidos protexidos para ofrecer novas solucións habitacionais adaptadas ás novas unidades familiares, pensando tamén na mocidade galega, e favorecer así a súa emancipación, e no 2026 regulará este tipo de inmobles de forma que se equilibren a autonomía individual e a vida compartida e que permitan relacións interxeneracionais. 

Destacou que neste 2025 a Xunta puxo en marcha o programa Fogar Vivo para mobilizar vivenda baleira, dando ademais unha maior seguridade xurídica aos propietarios, liña que recibiu máis de 400 solicitudes e que debido á súa boa acollida, aumentará o seu orzamento no 2026 ata os 2,6 M€.

Colaboración cos Concellos

Allegue puxo o acento así mesmo no apoio aos concellos para que teñan o seu propio parque público municipal de vivendas, aproveitando parcelas urbanizadas aptas para construír vivenda sen necesidade de modificar o planeamento. Neste senso, detallou que as entidades locais poderán promover e desenvolver os seus Proxectos de interese autonómico, que poderán ser de iniciativa pública ou privada, co compromiso de que, alo menos, un 80% das vivendas resultantes sexan vivenda protexida.

Recordou que os municipios teñen á súa disposición un fondo de cooperación que lles permite financiar sen xuros a construción de nova vivenda protexida, urbanizar solo ou adquirilo para futuros desenvolvementos residenciais e que poden sumarse á nova plataforma de solos para sacar a concurso solos de titularidade municipal aptos para que promotores e cooperativas poidan construír vivenda protexida.

Rehabilitación de inmobles

No que atinxe ao parque residencial xa construído, a conselleira recalcou que o Goberno galego está a rehabilitar fogares, con actuacións directas tanto a través do programa Rexurbe ou axudando aos concellos á rehabilitación dos seus inmobles para destinalos a alugueiro accesible e con achegas a particulares para rehabilitación de edificios e vivendas.

Destacou que de cara o 2026, o Goberno galego abrirá unha nova achega específica para o rural, que poderá alcanzar os 30.000 euros e o 75% do orzamento da obra de renovación.

Recordou que a Xunta está a axudar a rehabilitar propiedades que se atopen nos ARI dos Concellos e tamén nos ARI camiño de Santiago ou ARI Ribeira Sacra, unha liña que se reforzará o vindeiro ano.

Menos burocracia

Allegue destacou que dentro das medidas do Goberno galego nesta lexislatura, aprobáronse medidas para axilizar tempos, simplificar e desburocratizar, como as certificacións ECCOM, que teñen a mesma validez que os informes técnicos municipais, o que permite xa aforrar tempo de tramitación aos concellos; a simplificación dos requisitos para a conversión de baixos en vivendas ou o remate dos esqueletos urbanísticos excepcionalmente e ata o 28 sempre que a lo menos o 50% das vivendas resultantes serán protexidas.

Colaboración co sector

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas puxo en valor a colaboración co sector, tanto arquitectos, arquitectos técnicos como consultoras, promotores, cooperativas, construtoras, axentes da propiedade inmobiliaria e consumidores. Neste senso, destacou que a Xunta busca facilitar a construción privada en Galicia eliminando atrancos e habilitando incentivos.

Allegue deu conta da liña de axudas a promotores e cooperativistas que permitiu impulsar 559 novas vivendas protexidas, achega que a Xunta triplicará ata os 15M€ nos orzamentos do vindeiro 2026, para seguir a facilitar que  promotores e cooperativas constrúan vivenda protexida en Galicia.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas salientou que, outra das novas medidas é a modificación da normativa que permitirá incrementar ata un 20% a edificabilidade, sempre e cando alo menos o 80% da promoción se dedique a vivenda protexida.

Técnicas industrializadas

A conselleira explicou que no mes de abril a Xunta formalizou un convenio co Clúster da Construción e coa Fundación Galicia Constrúe para potenciar a industrialización do sector e xa se está a traballar en crear un mapa de capacidades produtivas, unha guía de construción industrializada e un plan de fomento da industrialización, que se complementarán con formación. Anunciou que no 2026 o Goberno galego aprobará xunto co Clúster da construción o Plan Director das Técnicas Industrializadas en Galicia.

Salientou, ademais, que a Xunta xa ten 400 vivendas públicas en marcha que se constrúen con estas técnicas, que permiten que os prazos se axilicen, e alivian o problema da escaseza de man de obra.

Desenvolvemento de solo

Allegue sinalou que Xunta seguirá avanzando no próximo 2026 na Estratexia de Desenvolvemento de Solo Residencial, para a que se prevé unha dotación de 18 M€, co obxectivo de habilitar solo para 25.000 vivendas, un 80% protexidas. Están tramitados Proxectos de Interese Autonómico para 11 ámbitos en Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Ourense, Arteixo, Vilagarcía de Arousa, Marín e O Porriño.

Políticas para os máis novos

A conselleira puxo o foco no firme compromiso coa mocidade galega nas políticas en materia de vivenda da Xunta e recordou que o 40% dos novos fogares públicos que está a construír o Goberno galego para alugueiro, e o 25% das que saian á venda irán destinados a menores de 36 anos.  

Lembrou tamén que xa están en marcha os primeiros proxectos de aloxamentos compartidos e temporais  para mozos en Santiago, Vigo e Lugo, coas obras previstas para 2026 e avanzou que a Xunta aumentará o orzamento destinado as axudas para a mocidade para a compra de vivenda protexida, cascos históricos ou en concellos de menos de 10.000 habitantes, axudas que complementan os avais que cobren ata o 20% do prezo de adquisición dunha vivenda, permitindo que un mozo poida conseguir unha hipoteca polo 100% do valor sen ter que aforrar unha entrada.

Así mesmo, Allegue anunciou que o Goberno galego aumentará a liña do Bono Alugueiro Mocidade, para a que se destinarán 11,4 M€ procedentes de fondos estatais. Esta decisión permitirá que “arredor de 2.000 mozos e mozas reciban este mesmo mes o importe do bono”.

Fonte.- Xunta de Galicia