O OVG adapta o calendario de publicación dos datos de fianzas co obxectivo de mellorar a calidade e representatividade da información difundida.

De acordo coa normativa aplicable, o prazo para o depósito das fianzas é dun mes desde a firma do contrato. Por iso, a publicación inmediata dos datos pode non recoller aínda a totalidade das fianzas correspondentes ao período de referencia, xa que unha parte delas pode atoparse aínda dentro do prazo legal de depósito.

A análise da serie histórica dos anos 2022 a 2025 mostra que, en media, o 63% das fianzas deposítase no mesmo mes da firma do contrato, mentres que o 91% xa consta depositado ao mes seguinte. En 2025, esta porcentaxe alcanza ademais o 93%.

En consecuencia, o axuste do calendario de publicación permite ofrecer datos máis completos, consistentes e fiables, aliñando a difusión da información co prazo legalmente previsto para o depósito das fianzas.