O senfogarismo crece un 8% en Inglaterra no último ano, segundo un estudo da organización benéfica Shelter | Observatorio de Vivenda

O senfogarismo crece un 8% en Inglaterra no último ano, segundo un estudo da organización benéfica Shelter

O senfogarismo crece un 8% en Inglaterra no último ano, segundo un estudo da organización benéfica Shelter

Un informe recente da ONG Shelter alerta de que a situación do senfogarismo en Inglaterra continúa empeorando, con especial gravidade en Londres. Segundo datos oficiais analizados pola organización, arredor de 382.000 persoas carecen dun fogar estable en todo o país, o que supón un incremento interanual próximo ao 8%. Na capital británica, onde o custo dos alugueiros está moi por riba do que permiten os salarios medios, estímase que en 2025 unha de cada 45 persoas se atopaba sen vivenda propia. Algúns distritos presentan cifras aínda máis alarmantes, como Newham, no leste da cidade, onde a proporción ascende a unha de cada 18 persoas, mentres que en Westminster e Lambeth a falta de fogar afecta a unha de cada 21 e unha de cada 26 persoas, respectivamente, moitas delas aloxadas en recursos de emerxencia xestionados polas autoridades locais.

Ante este panorama, o Goberno laborista do Reino Unido puxo en marcha unha nova estratexia centrada na prevención, coa implicación de servizos públicos como hospitais ou centros penitenciarios para evitar que máis persoas perdan a súa vivenda. O plan inclúe tamén o compromiso de reducir á metade o número de persoas que dormen na rúa e de eliminar o uso de pensións tipo “bed & breakfast” para familias con menores. Shelter sinala que o aumento do senfogarismo está ligado á suba continuada dos alugueiros privados, ao estancamento das axudas públicas á vivenda e á insuficiente oferta de vivenda social. A entidade advirte de que máis de 350.000 persoas viven actualmente en aloxamentos temporais, a cifra máis alta rexistrada ata agora, cun crecemento anual moi acusado, mentres que máis de 4.600 persoas pasan a noite na rúa cada día, un número que tamén segue medrando.

Fonte.- Idealista