A Xunta adxudica provisionalmente 40 vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña | Observatorio de Vivenda

A Xunta adxudica provisionalmente 40 vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña

A Xunta adxudica provisionalmente 40 vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña

A Xunta adxudicou hoxe provisionalmente 40 vivendas de promoción pública en Xuxán, na Coruña. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu hoxe a este sorteo e visitou posteriormente o inmoble.

Estes fogares, de 2 a 4 dormitorios e con garaxes e rochos, adxudicáronse provisionalmente en réxime de alugueiro e as rendas oscilarán entre os 95€ e 307€ mensuais.

Cómpre destacar que o sorteo, que é xa o segundo no que vai de ano, se realizou en base a 3 lotes (2-3-4 dormitorios) e 2 cupos, un xeral e o 40% das vivendas para o cupo de menores de 36 anos.

Na construción deste edificio empréganse técnicas industrializadas, o que permite axilizar as obras, un obxectivo relevante para os demandantes de vivenda.

Tras o sorteo de hoxe, publicarase a lista provisional de adxudicatarios e abrirase un prazo de 10 días para reclamacións. Posteriormente, publicarase a lista definitiva e darase un prazo de 10 días para a aceptación ou renuncia.

Os requisitos dos beneficiarios son, entre outros, atoparse inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda para o concello da Coruña como municipio preferente; e residir ou traballar neste concello. Ademais deben carecer de vivenda en propiedade e acreditar ingresos ponderados por unidade familiar ou convivencial, no último exercicio fiscal vencido, entre 0,7 e 3 veces o IPREM.

Na actualidade a Xunta xa ten 476 vivendas de promoción pública en distintas fases de tramitación e execución na cidade da Coruña.

Fonte.- Xunta de Galicia