A Xunta concedeu no 2025 axudas a dúas cooperativas por un total dun millón de euros para a construción de 108 vivendas protexidas en Oleiros | Observatorio de Vivenda

A Xunta concedeu no 2025 axudas a dúas cooperativas por un total dun millón de euros para a construción de 108 vivendas protexidas en Oleiros

A Xunta concedeu no 2025 axudas a dúas cooperativas por un total dun millón de euros para a construción de 108 vivendas protexidas en Oleiros

A Xunta concedeu no 2025 axudas a dúas cooperativas, por un importe total dun millón de euros, para a construción de 108 vivendas protexidas en Oleiros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe as obras da promoción que unha das cooperativas beneficiadas, A Canteira de Perillo, está a construír para 21 vivendas, das que 16 son protexidas.

Esta cooperativa recibiu unha achega de 160.000 euros (10.000 euros por vivenda) no marco da liña de axudas que a Xunta ofrece a promotores e cooperativistas para impulsar a construción de vivenda protexida. Ademais, tamén en Oleiros, outra cooperativa recibiu 920.000 euros para acadar 92 novas vivendas protexidas.

En total, como indicou a conselleira, foron en Galicia concedidos no ano 2025 axudas por un importe de 4M€, “que permiten que se estean a promover máis de 400 vivendas protexidas; é o camiño a seguir”.

Allegue destacou que a Xunta reclamou que esta liña, actualmente financiada con fondos autonómicos, teña cabida no novo Plan Estatal de Vivenda, de xeito que nas alegacións realizadas ao proxecto está que se inclúa unha liña a axudas a cooperativas e promotoras para a construción de vivenda protexida para venda. “Queremos apoiar a promotores e cooperativas e pedimos ao Goberno central que faga o mesmo e aprobe dunha vez por todas o tan demandado Plan Estatal”, demandou.

Á espera do citado Plan Estatal, a conselleira anunciou que este ano a Xunta volverá convocar esta liña de axudas, así como as achegas para adquisición de vivenda protexida.

Destacou así mesmo que no marco do compromiso do Goberno galego coa vivenda,  ademais de incentivar ao sector, a Xunta está a poñer en marcha medidas para “desburocratizar” e axilizar o desenvolvemento do solo. Neste senso destacou a serie de modificacións normativas, xa en vigor, como a posibilidade de construír en solos dotacionais públicos e privados que estean en desuso, sen necesidade de modificar o planeamento.

Fonte.- Xunta de Galicia