A Xunta adxudicará por preto de 100.000€ o proxecto para a construción de 14 vivendas de promoción pública no concello de Arteixo | Observatorio de Vivenda

A Xunta adxudicará por preto de 100.000€ o proxecto para a construción de 14 vivendas de promoción pública no concello de Arteixo

A Xunta adxudicará por preto de 100.000€ o proxecto para a construción de 14 vivendas de promoción pública no concello de Arteixo

A Xunta de Galicia adxudicará a UTE Sabín Blanco – Ameneiros Rey Agriños o contrato para a redacción dos proxectos básico e de execución e a dirección de obra para a construción dun edificio de 14 vivendas de promoción pública (VPP) na parcela UA-43 P11, da rúa Aguceira en Vilarrodís, no concello de Arteixo. Estas vivendas construiranse nunha parcela cedida polo Concello.

O Consello de Administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, presidido pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, acordou a adxudicación do contrato para a redacción do proxecto por importe de 99.495 euros. Posteriormente, o investimento previsto para as futuras obras acada os 2,7M€.

Arteixo é un dos 14 concellos galegos que xa cederon parcelas á Xunta para a construción de vivenda pública ao longo desta lexislatura.

Con esta licitación, a Xunta continúa avanzando para cumprir o compromiso de lexislatura de duplicar o parque de vivendas públicas acadando as 8.000, de xeito que xa están en marcha en diferentes fases de execución máis de 3.000. Neste 2026 impulsarase a posta de marcha de 1.000 máis.

Do total das 4.000 novas vivendas públicas, ao menos o 40% dos fogares que se poñan en alugueiro e ao menos do 25% dos que se poñan á venda estarán destinados a menores de 36 anos, para facilitar o acceso da mocidade á vivenda.

Fonte.- Xunta de Galicia