A Xunta investirá 2,5 M€ na urbanización do solo da Baiuca-A Penouqueira en Arteixo para favorecer a construción de 160 vivendas | Observatorio de Vivenda

A Xunta investirá 2,5 M€ na urbanización do solo da Baiuca-A Penouqueira en Arteixo para favorecer a construción de 160 vivendas

A Xunta investirá 2,5 M€ na urbanización do solo da Baiuca-A Penouqueira en Arteixo para favorecer a construción de 160 vivendas

A Xunta investirá 2,5M€ na urbanización do solo da Baiuca-A Penouqueira en Arteixo, para favorecer a construción de 160 vivendas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presentou hoxe o Proxecto de Interese Autonómico (PIA) que se desenvolverá neste ámbito do concello coruñés.

Este é o terceiro dos doce PIA que tramita a Xunta para acadar solo residencial onde construír vivenda, maioritariamente protexida, que acada a aprobación inicial, despois dos de Sagrado Corazón en Lugo e o de Lavadores en Vigo. Allegue destacou que esta aprobación inicial do PIA supón “o comezo dun novo barrio no concello, céntrico, con novos fogares, ben comunicado, con espazos verdes, zonas de lecer e servizos”.

O ámbito da Baiuca-A Penouqueira delimita 82.500 m2 de solo, do cal preto de 13.000 será residencial, a carón da travesía da Coruña, “que servirá para que promotores e cooperativistas constrúan 160 vivendas”.

O PIA establece que estas 160 novas vivendas colectivas, a maioría protexidas, estarán integradas en bloques illados, rodeadas de espazos verdes. A altura máxima dos edificios será de baixo e 3 plantas, para minimizar o impacto visual. Allegue incidiu en que todas as vivendas protexidas que se constrúan terán cualificación permanente, tanto as destinadas á venda como a alugueiro.

Espazos

O proxecto contempla unha zona comercial e unha parcela destinada a equipamento (2.050 m²) para servizos ou dotacións. A conselleira lembrou que tamén se prevén 200 prazas de aparcamento e se reservan máis de 13.000m2 de espazos libres públicos ademais de zonas verdes, coa previsión de 200 árbores.

Allegue destacou tamén que unha das singularidades no ámbito será a instalación dun elevador e unha pasarela accesible na avenida de Galicia.

Prazos

Tras a aprobación inicial do PIA o pasado luns no Consello da Xunta e da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, ábrese un prazo de 15 días para a presentación de alegacións.

Recadaranse posteriormente os informes sectoriais necesarios con carácter de urxencia, de xeito que deberán ser emitidos en mes e medio, e a previsión é que o PIA conte coa aprobación definitiva no último trimestre deste ano. Paralelamente, traballarase no proxecto de expropiación e no de urbanización. Hai que sinalar que a meirande parte dos terreos son propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

A Xunta prevé licitar a urbanización no vindeiro 2027, e no 2028 estará xa en obras.  Simultanearase a urbanización co concurso de parcelas que convocará a Xunta para que promotores e cooperativistas accedan para construír vivenda protexida, a fin de poder dispor desta bolsa de vivenda o antes posible.

Fonte.- Xunta de Galicia