A Xunta adxudica por máis de 2,1 M€ as obras de rehabilitación de 6 vivendas para alugueiro accesible con preferencia a menores de 36 anos en Ribadeo | Observatorio de Vivenda

A Xunta adxudica por máis de 2,1 M€ as obras de rehabilitación de 6 vivendas para alugueiro accesible con preferencia a menores de 36 anos en Ribadeo

A Xunta adxudica por máis de 2,1 M€ as obras de rehabilitación de 6 vivendas para alugueiro accesible con preferencia a menores de 36 anos en Ribadeo

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou as obras de rehabilitación de tres inmobles que a Xunta impulsa ao abeiro do programa Rexurbe. Trátase de habilitar 6 vivendas de promoción pública no casco histórico do municipio lucense, que irán dirixidas ao alugueiro accesible e inscritos no rexistro de demandantes de vivenda no municipio, tendo preferencia os menores de 36 anos.

As obras foron adxudicadas por máis de 2,1M€ (2.166.999,39 €) á Unión Temporal de Empresas UTE Inside Oviga Ribadeo (Inside The Team SLU-Obras y Viales de Galicia SL).

Esta intervención forma parte do programa Rexurbe, a través do cal se adquiriron no ano 2022 tres inmobles situados na rúa Bispo Veres números 2 e 4 e na rúa Trinidade número 32, cun investimento próximo aos 150.000 euros. Son edificios que forman parte do patrimonio construído e da historia de Ribadeo, pero que na actualidade están deteriorados.

Estas novas vivendas rehabilitadas terán a cualificación pública de carácter permanente, polo que pasarán a formar parte do parque de vivendas propiedade da Xunta. As mesmas serán adxudicadas en réxime de alugueiro  a inscritos no rexistro de demandantes deste concello, coa peculiaridade de que terán preferencia nesta adxudicación os menores de 36 anos.

As catro vivendas que se rehabilitarán nos inmobles da rúa Bispo Veres 2 e 4 estarán situadas nun edificio con protección patrimonial integral, xa que un deles formaba parte da antiga muralla medieval da cidade, datada no século XIII. Son edificios xustapostos que compartirán zonas comúns, respectando as conexións orixinais existentes entre eles.

As obras executaranse con especial coidado na conservación de elementos funcionais e decorativos, como recercados e tornachoivas, na reprodución da cuberta orixinal e no uso de pizarra do país para o tellado, criterios que tamén se aplicarán ao inmoble da rúa Trinidade número 32.

Con este novo contrato o departamento que dirixe María M. Allegue, ademais de incrementar o parque de vivenda de promoción pública na Comunidade Autónoma, segue a traballar mediante a rehabilitación e a promoción en núcleos históricos, na rexeneración destas contornas e na fixación de poboación nelas.

Fonte.- Xunta de Galicia