A diferenza entre alugueiro e hipoteca redúcese a 34 euros en Galicia | Observatorio de Vivenda

A diferenza entre alugueiro e hipoteca redúcese a 34 euros en Galicia

A diferenza entre alugueiro e hipoteca redúcese a 34 euros en Galicia

O prezo medio do alugueiro en Galicia alcanza os 610,33 euros mensuais, fronte aos 644,1 euros da cota media das hipotecas, o que deixa unha diferenza de apenas 33,77 euros ao mes, equivalente a máis de 405 euros anuais. O custo do alugueiro acumula un incremento do 13,18 %, mentres que o das hipotecas medra un 11,28 %. A evolución dos prezos reduciu notablemente a distancia entre ambas modalidades, xa que o diferencial chegou a superar os 700 euros anuais, mentres que o incremento acumulado do alugueiro alcanza o 47,2 % e o das hipotecas sitúase no 36 %.

A presión sobre o mercado do alugueiro tamén se reflicte na redución da contratación. As fianzas correspondentes a contratos de arrendamento ascenden a 15.758, unha cifra que supón 3.361 menos e un descenso do 17,6 %, indicativo dunha menor oferta dispoñible. Ao mesmo tempo, o prezo medio do alugueiro sitúase en 618,8 euros, cun incremento do 13,8 % respecto do valor de referencia correspondente a 2024 e de case 48,7 % fronte a 2019. Entre as principais cidades galegas, Vigo presenta o prezo medio máis elevado, con 728,3 euros, seguida de A Coruña, con 716,9 euros, e Pontevedra, con 709,4; Santiago alcanza os 680,3 euros, mentres que Ferrol, Ourense e Lugo rexistran 592,3, 586,4 e 569,4 euros, respectivamente.