A Xunta construirá outras 15 vivendas públicas en Lalín, nunha parcela na rúa Fontesanguiña, cedida polo Concello | Observatorio de Vivenda

A Xunta construirá outras 15 vivendas públicas en Lalín, nunha parcela na rúa Fontesanguiña, cedida polo Concello

A Xunta construirá outras 15 vivendas públicas en Lalín, nunha parcela na rúa Fontesanguiña, cedida polo Concello

A Xunta construirá 15 novas vivendas públicas en Lalín, nunha parcela na rúa Fontesanguiña, cedida polo Concello. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou hoxe co alcalde de Lalín, José Crespo, o acordo desta nova cesión de solo municipal.

Allegue lembrou que o pasado luns se aprobou esta actuación no Consello da Xunta e o vindeiro luns o Goberno galego licitará nun mesmo contrato a redacción do proxecto, a dirección e a execución das obras destes novos fogares, por un orzamento de 3,5M€.

As empresas interesadas en acometer esta actuación poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de decembro.

Salientou que este contrato exixirá unha porcentaxe mínima do uso de técnicas industrializadas na construción do inmoble. Destacou que a Xunta está a apostar por este sistema porque permite acurtar tempos na execución, atalla o problema de falta de man de obra, ademais de ser máis sostible e seguro.

Lembrou que estas vivendas se destinarán, mediante sorteo, ás persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda, que estean empadroadas ou traballen no concello de Lalín.

A conselleira recordou que o acordo hoxe firmado é a segunda colaboración en vivenda co Concello de Lalín, xa que hai algo máis dun ano se asinou outra cesión de solo para construír outras 17 vivendas. As obras para este inmoble xa están adxudicadas e prevese que comezarán en breve.

Agradeceu ao Concello a cooperación que está amosando no ámbito da vivenda, pois permitirá que o Goberno galego poida construír un total de 32 fogares de promoción pública en Lalín, que serán unha realidade no ano 2028.

O Executivo autonómico avanza así no seu compromiso de duplicar o parque de vivenda pública no período 2024-2028 para chegar ás 8.000, coa previsión do Pacto de Vivenda de Galicia 2026-2030 de acadar as 10.000 no ano 2030.

Fonte.- Xunta de Galicia