A Xunta licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo residencial en Cangas de Morrazo onde construír 300 vivendas | Observatorio de Vivenda

A Xunta licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo residencial en Cangas de Morrazo onde construír 300 vivendas

A Xunta licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo residencial en Cangas de Morrazo onde construír 300 vivendas

A Xunta licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver solo residencial en Cangas de Morrazo para construír 300 vivendas, a maioría protexidas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, informou deste trámite que publica a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Este contrato, que se licita por un importe de máis de 240.000€, ten como obxectivo elaborar o proxecto para a obtención de solo destinado á construción destas vivendas no ámbito das Saíñas. As empresas poderán presentar as súas correspondentes ofertas ata o vindeiro 17 de decembro.

Ao menos o 80% das vivendas que se construirán nesta zona serán protexidas con cualificación permanente, e a cifra pode acadar o 100% se así o decide o Concello.

O ámbito das Saíñas conta cos seguintes límites: ao norte, camiño e rotonda da Rúa; sur, vivendas, terreos e centro de día de Cangas, xunto a estrada PO-551; leste, estrada PO-554; oeste, barrios do Espírito Santo e do Rapadouro. O ámbito é atravesado de norte a sur polo rego das Saíñas, elemento natural vertebrador dun parque fluvial que constituirá o eixo da ordenación.

Con este de Cangas de Morrazo son xa 13 os Proxectos de Interese Autonómico que o Goberno galego ten en marcha en 12 concellos en Galicia. Están aprobados inicialmente os PIA para desenvolver os ámbitos en Lugo, Vigo, Arteixo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela e en tramitación Marín, O Porriño, outro en Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ribadeo e este de Cangas.

Fonte.- Xunta de Galicia