Lugo impulsa unha bolsa de alugueiro para mobilizar 150 vivendas baleiras con rendas de ata 700 euros | Observatorio de Vivenda

Lugo impulsa unha bolsa de alugueiro para mobilizar 150 vivendas baleiras con rendas de ata 700 euros

Lugo impulsa unha bolsa de alugueiro para mobilizar 150 vivendas baleiras con rendas de ata 700 euros

O Concello de Lugo porá en marcha o programa Lugo Aluga, unha iniciativa municipal que pretende incorporar ao mercado do alugueiro accesible 150 vivendas actualmente baleiras. O plan conta cunha dotación orzamentaria inicial de 150.000 euros e contempla axudas a fondo perdido de ata 900 euros por inmoble para cubrir gastos como o seguro de protección fronte a impagos, danos e desafiuzamentos, a obtención do certificado de eficiencia enerxética, a inspección técnica da vivenda e a tramitación da solicitude. Ademais, os propietarios poderán beneficiarse dunha bonificación do 95 % no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e de posibles vantaxes fiscais, sempre que cumpran os requisitos establecidos. A renda máxima prevista é de 700 euros mensuais por unidade de convivencia, con 35 euros adicionais por cada convivente extra.

O programa busca facilitar o acceso á vivenda mediante prezos asumibles e ofrecer garantías tanto ás persoas propietarias como ás inquilinas. As persoas solicitantes recibirán asesoramento legal e fiscal, acompañamento durante a formalización dos contratos e mediación en caso de conflitos. As vivendas serán sometidas a inspeccións técnicas antes da súa incorporación á bolsa para comprobar que cumpren as condicións de habitabilidade. A empresa municipal Evislusa será responsable da información, a tramitación e a intermediación entre propietarios e demandantes de vivenda. Os inmobles poderán permanecer no programa durante un máximo de cinco anos.

Fonte.- El Progreso