Allegue: “As administracións temos que colaborar co sector na promoción de vivenda, e non poñer trabas” | Observatorio de Vivenda

Allegue: “As administracións temos que colaborar co sector na promoción de vivenda, e non poñer trabas”

Allegue: “As administracións temos que colaborar co sector na promoción de vivenda, e non poñer trabas”

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, incidiu hoxe en que “as administracións temos que colaborar co sector na  promoción da vivenda, e non poñer trabas e dificultades”. Allegue, xunto ao secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, participou hoxe na xornada sobre promoción de vivenda protexida, organizada pola Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña (Aproinco), onde avanzou a vindeira convocatoria de novas axudas a promotores para vivenda protexida, que contará con maior presuposto.

Neste encontro, Allegue abondou sobre as medidas impulsadas pola Xunta para facilitar o acceso á vivenda e incidiu en que en construción de vivenda pública o Goberno galego xa ten en marcha as 4.000 vivendas comprometidas nesta lexislatura para duplicar o parque público residencial, incidindo en que máis da metade, 2.339, se sitúan na provincia da Coruña, entre outros concellos na Coruña, Santiago, Ferrol, Ames, Narón, Carballo, Culleredo  ou Teo.

A conselleira incidiu en que “falar de vivenda non é só falar de construír vivenda, senón tamén deses vimbios necesarios para que se poida construír vivenda”. “igual que unha familia quere acceder a unha vivenda accesible -apuntou-, temos que facer posible que se poida promover vivenda protexida, que sexa viable promover vivenda protexida. É un equilibrio fundamental”.

Destacou o esforzo da Xunta para desenvolver solo para que promotores e cooperativistas poidan construír vivenda protexida a través da Estratexia de Solo Residencial e concretamente coa modificación normativa para axilizar a posta a disposición de vivenda a través da regulación dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) residenciais. No caso da provincia coruñesa, están en marcha os PIA de Monte Mero na cidade herculina, para máis de 4.300 vivendas; o de Mallou, en Santiago, para 3.600 vivendas, e o de Arteixo, para 160 vivendas.

Neste senso, a conselleira incidiu na necesaria colaboración co sector no reto da vivenda e lembrou que desde a Xunta “facilitaremos planificación, investimento, colaboración coas administracións e co sector”.  Destacou os pasos dados pola Administración autonómica para incentivar ao sector, coa actualización dos módulos de prezos de vivendas de protección autonómica ou as modificacións normativas para incrementar a edificabilidade dun solo urbanizable ata nun 20% entre outras ou as axudas a promotores. Ademais, lembrou tamén os acordos con entidades bancarias para crear un marco de financiación favorable aos promotores que aposten por construír vivenda protexida nos ámbitos que está a desenvolver a Xunta.

“Entendemos que apoiar a promoción é apoiar a vivenda _subliñou-. Porque somos moi conscientes que a política de vivenda non pode limitarse a axuda cando a vivenda xa está construída. Temos que actuar desde o principio, temos que poñer solo no mercado, facilitar e desburocratizar a planificación, axilizar procedementos, apoiar economicamente a promoción e crear as condicións necesarias para que se poida construír vivenda protexida”.

Cesión 40 vivendas municipais na Coruña

Por outra banda, a conselleira emprazou ao Concello da Coruña a ceder á Xunta as 40 vivendas municipais baleiras na cidade para o seu acondicionamento e posta a disposición da cidadanía.

Allegue remarcou a súa sorpresa por coñecer a existencia destas vivendas a través dunha carta remitida pola alcaldesa en relación cos fondos que o Estado destinará á cidade pola súa condición de zona tensionada. Indicou que na actual situación da vivenda, “é unha absoluta irresponsabilidade” ter vivendas municipais baleiras e tendeu a man ao Concello indicando que a Xunta de Galicia “si que ten capacidade económica para a súa rehabilitación” e as vivendas destinaríanse a alugueiro accesible entre inscritos no Rexistro único de demandantes de vivenda de Galicia.

Fonte.- Xunta de Galicia