Allegue anuncia que as 10 novas vivendas públicas de Vilagarcía serán para venda, cunha reserva do 25% para menores de 36 anos e do 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos | Observatorio de Vivenda

Allegue anuncia que as 10 novas vivendas públicas de Vilagarcía serán para venda, cunha reserva do 25% para menores de 36 anos e do 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos

Allegue anuncia que as 10 novas vivendas públicas de Vilagarcía serán para venda, cunha reserva do 25% para menores de 36 anos e do 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, anunciou hoxe que as 10 novas vivendas públicas que a Xunta construirá en Vilagarcía serán para venda, cunha reserva do 25% para menores de 36 anos e do 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos. Allegue avanzou hoxe a licitación das obras destes novos fogares, que se construirán nun solo cedido polo Concello en Marxión, por preto de 2M€ (1,9M€).

“Queremos fomentar a emancipación e tamén asentar poboación en Vilagarcía”, apuntou a conselleira, que destacou a calidade do deseño deste novo inmoble, con futuras vivendas que compren cos criterios de accesibilidade e sostibilidade “e que serán eficientes enerxeticamente”.

O edificio, situado nunha zona próxima á estación ferroviaria e á zona comercial de Vilagarcía, terá baixo e dúas alturas e, das 10 vivendas, 8 serán de 2 dormitorios e as outras 2 de tres dormitorios. Ademais, unha das vivendas será adaptada para persoas con mobilidade reducida. Todas contarán con praza de garaxe e rocho.

No exterior, resérvanse espazos comúns para o esparexemento veciñal, incluíndo unha área de horto urbano na parte traseira.

Tras a licitación publicada hoxe na plataforma de contratos de Galicia da construción destas 10 novas vivendas públicas en Vilagarcía, as empresas poderán presentar ofertas ata o 30 de xuño. Posteriormente, as obras terán un prazo de 18 meses. “Axilizarase o posible a adxudicación para comezar a construción e que poidan ser pronto unha realidade”, engadiu a conselleira.

En Vilagarcía, a Xunta está tamén a desenvolver, en colaboración co Concello “porque este concello demanda vivenda protexida”, un Proxecto de Interese Autonómico (PIA) no ámbito das Carolinas, onde se urbanizará solo para posibilitar a construción de 350 vivendas, o 80% protexidas. A actuación está en fase de redacción do proxecto, a piques de someter a tramitación ambiental.

Fonte.- Xunta de Galicia