Allegue avanza en Narón a licitación das obras de 14 vivendas de promoción pública en Freixeiro por 1,6 M€ nun edificio cunha planta inicialmente destinada a oficinas | Observatorio de Vivenda

Allegue avanza en Narón a licitación das obras de 14 vivendas de promoción pública en Freixeiro por 1,6 M€ nun edificio cunha planta inicialmente destinada a oficinas

Allegue avanza en Narón a licitación das obras de 14 vivendas de promoción pública en Freixeiro por 1,6 M€ nun edificio cunha planta inicialmente destinada a oficinas

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou hoxe en Narón a licitación das obras para a construción de 14 vivendas de promoción pública en Freixeiro, por un orzamento de 1,6M€, na entreplanta dun edificio propiedade da Xunta, e cuxa planta estaba inicialmente destinada a albergar oficinas.

Allegue, que se achegou esta mañá a Narón, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, explicou que a contratación desta actuación publícase ao longo do día de hoxe na Plataforma de Contratos, polo que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de abril.

A conselleira puxo de exemplo que esta promoción amosa a utilidade das modificacións normativas impulsadas pola Administración autonómica para facilitar a conversión de locais en vivendas. “As medidas, funcionan” apuntou. Esta entreplanta, tal e como  lembrou a conselleira, levaba máis de 35 anos sen uso.

Explicou que o proxecto destas vivendas foi adxudicado a finais do pasado mes de outubro, o que permitiu avanzar con rapidez ata a actual fase de hoxe de licitación das obras.

Así, segundo indicou, unha vez adxudicados os traballos, o prazo de execución previsto é de 12 meses, co obxectivo de que as vivendas sexan unha realidade no 2027.

Allegue puxo en valor a calidade e o deseño das vivendas proxectadas, que son maioritariamente de tres dormitorios, e dúas tipo loft cunha única estancia.

A conselleira subliñou que con esta actuación en Narón, son xa 27 as vivendas de promoción pública en marcha en Galicia ao abeiro desta medida de conversión de locais, distribuídas entre Pontevedra, A Coruña, Sada e agora Narón.

A responsable de Vivenda  da Xunta, destacou tamén que estas 14 vivendas súmanse a outras actuacións previstas no municipio, como as 91 vivendas públicas que a Xunta prevé construír en dúas parcelas cedidas polo Concello, actualmente en fase de redacción de proxecto e que se executarán mediante técnicas industrializadas.

Fonte.- Xunta de Galicia